O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, anunciou hoxe que as obras de reparación da Comisaría da Policía Nacional de Santiago comezarán o próximo luns, 1 de xuño, tras a sinatura da acta de replanteo realizada esta mañá. O delegado subliñou que este novo paso demostra que “o Goberno cumpre coa cidadanía de Santiago e cumpre coa Policía Nacional”, ao impulsar o inicio dos traballos apenas unha semana despois de que o Consello de Ministros aprobase o investimento de emerxencia de 1,6 millóns de euros para reparar os danos provocados polo incendio rexistrado o pasado mes de febreiro.
Durante unha visita á comisaría, subliñou que, desde o primeiro momento, o Goberno traballou para garantir a continuidade do servizo público e acelerar ao máximo a recuperación da comisaría. Neste sentido, destacou a rapidez da resposta dada pola Secretaría de Estado de Seguridade e polo Ministerio do Interior para impulsar unha actuación urxente que permitirá recuperar as instalacións afectadas e devolver a normalidade ao servizo policial na cidade.
No acto participaron tamén o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o comisario provincial da Policía Nacional; Carlos Gómez Rodríguez, a comisaria xefa da Comisaría de Santiago; Nuria Palacios, e o aparellador do proxecto, Enrique Villalba.
Mentres avanzan os traballos, a sede provisional da Policía Nacional situada no barrio de Santa Marta continuará prestando servizo á cidadanía con plena normalidade e garantías. Pedro Blanco agradeceu a profesionalidade e vocación de servizo dos homes e mulleres da Policía Nacional, que mantiveron a atención á cidadanía sen interrupcións durante estes meses. Tamén tivo palabras de recoñecemento para a cidadanía compostelá pola súa comprensión e comportamento exemplar desde que se produciu o incendio.
Actuacións
O delegado explicou que a intervención se desenvolverá de forma simultánea en distintas zonas do edificio para gañar tempo e acelerar a recuperación da normalidade. A obra será executada pola empresa Ingeniería y Construcciones Melcor S.L.e terá un carácter integral.
As actuacións concentraranse especialmente na planta -3, onde se orixinou o incendio e se rexistraron os maiores danos, con labores de desescombro, derrubos, reconstrución do forxado e reparación ou substitución dos elementos afectados.
Ademais, acometerase a renovación integral das instalacións nos sotos -2 e -1, a revisión dos sistemas de ventilación e fontanería na planta baixa, a reparación de instalacións e carpintarías no resto do edificio e a limpeza e reparación da fachada exterior.













