A piscina municipal do polideportivo Javier Gómez Noya foi escenario da proba de natación do proceso selectivo para a contratación de socorristas, na que participaron 83 aspirantes para cubrir as 60 prazas ofertadas polo Concello de Ferrol.
A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de concurso de méritos, na que se outorga un máximo de catro puntos e valorarase a experiencia profesional e a formación, e na fase de oposición con proba de piscina. Esta fase puntuarase ata un máximo de seis puntos, que obterán os homes cun tempo igual ou inferior a 2:30 minutos e as mulleres cun tempo igual ou inferior a 2:45 minutos.
En canto ás probas específicas para coordinador/a de praias e coordinador/a de caseta serán voluntarias e estarán reservadas ás persoas que superen previamente o proceso selectivo de socorrista e relizaranse este venres.
A previsión é que os socorristas poidan comezar a traballar nas praias a mediados deste mes.













