O Concello de Cedeira, que habilitou hai uns cinco anos a primeira
vía ferrata de Galicia, a Senda do Santo, fai agora unha nova aposta polo turismo activo coa
instalación dunha escola de escalada no Mirador dos Carrís e co equipamento dun parque de
aventura no Campo da Armada. As tres instalacións van configurar unha oferta singular e única
para o ocio no corazón da Capelada, dentro do Xeoparque Cabo Ortegal.
O parque de aventura do Campo da Armada, bautizado agora como “Senda Park”, puxérase
en marcha hai algúns anos, porén agora o Concello fixo un novo investimento de 14.000€ que
permitirá impulsar este destino, pensado para que nenos e nenas a partir de oito anos -empre con
máis de 1,30m de estatura- camiñen entre grandes árbores servíndose das pontes colgantes,
cordas, poleas e tirolesas que configuran o itinerario. Coa colaboración da empresa de ocio activo
local Orixen Action, instaláronse entre os eucaliptos un total de 12 xogos e unha liña de vida que
percorre todo o circuíto. Para a posta en marcha, as árbores nas que se apoian os elementos
pasaron unha inspección fitosanitaria, mentres que a liña de vida e todas as instalacións superaron
tamén a preceptiva revisión.
Coa finalidade de dar a coñecer o parque de aventura do Campo da Armada, o Concello de
Cedeira invita a acudir, de xeito gratuíto, aos colexios da contorna. Os grupos escolares interesados
poden poñerse en contacto con Daniel Pérez, de Orixen Action, no número 658 94 07 13.
Tamén está a piques de rematar a instalación dunha escola de escalada no Mirador dos Carrís.
Alí, un técnico da Federación Galega de Montaña está a supervisar a instalación de 60 vías, é dicir,
60 itinerarios polos que ascender pola parede de roca, con maior ou menor nivel de dificultade. A
día de hoxe en Galicia hai poucos lugares nos que estean habilitadas tantas vías, polo que desde
o Concello de Cedeira agardan que este lugar se convirta nun polo de atracción para persoas de
toda a comunidade que sexan afeccionadas a este deporte ou que queiran iniciarse nel.
Neste caso, o Concello de Cedeira investiu máis de 11.000€ na compra do material para o
Mirador dos Carrís. Actualmente se está a completar a instalación e a verificarse o cumprimento de
todas as condicións de seguridade.
Para o uso de todos estes elementos, o Concello de Cedeira vai proceder como no caso da vía
ferrata Senda do Santo. A administración local publicará un reglamento de uso, no que se
determinará quen pode empregalas pola súa conta -deportistas con licencia federativa en vigor-
e as condicións que terán que cumprir as empresas para utilizalas na organización de actividades.
Cómpre apuntar que recentemente o Concello repuxo algunhas indicacións da vía ferrata
Senda do Santo.
Arredor de 3.000 persoas están a percorrer este itinerario pola serra da Capelada
cada ano, o que confirma o éxito da aposta de Cedeira polo turismo activo













