O Concello de Carballo e a Fundación Amancio Ortega Gaona (FAOG) acordaron a súa colaboración para a construción e o equipamento do novo edificio para entidades sociais do municipio e a súa comarca. O proxecto, que dispoñerá dunha achega económica máxima de 7.800.000 euros, financiados de forma íntegra pola institución privada, converterase no novo centro de referencia socioasistencial para o tecido asociativo.
A realización deste proxecto dá resposta a unha demanda histórica das entidades sociais en Carballo. A FAOG valorou especialmente para o seu apoio o forte impacto social e o alcance comarcal das organizacións que albergará o futuro complexo.
«Queremos agradecer profundamente á Fundación Amancio Ortega o seu firme compromiso co benestar do noso municipio —manifestou o alcalde, Daniel Pérez—. Con este convenio, Carballo dá un salto cualitativo histórico na atención social. Este novo edificio non é só unha infraestrutura de vangarda, senón que será o corazón no que se unificarán o coidado, a solidariedade e o apoio mutuo para todos os veciños de Carballo e da comarca de Bergantiños».
Acción social e atención cidadá
O edificio situarase nunha parcela de propiedade municipal de 1.620 metros cadrados na rúa Vázquez de Parga, na confluencia coas rúas Darwin e Mendel. O deseño arquitectónico da infraestrutura nace dun concurso de ideas convocado polo Concello de Carballo en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia, no que resultou gañador o anteproxecto presentado por LCG Estudo de Arquitectura.
As modernas instalacións están deseñadas para acoller servizos estratéxicos e asistenciais de primeira orde, entre os que destacan un centro de día para persoas enfermas de alzhéimer, o Centro de Información á Muller (CIM), novas instalacións para diversas entidades que traballan nos ámbitos da prevención de adiccións e da exclusión social, ou na atención ao autismo, entre outras realidades; espazos comúns e salas multiusos dispoñibles para as asociacións locais.
Prazos e financiamento do proxecto
O Concello de Carballo asume en exclusiva a condición legal de promotor e a xestión integral do proceso construtivo, comprometéndose a que as obras arrinquen nun prazo máximo de 18 meses. O edificio deberá estar totalmente terminado e en funcionamento nun período máximo de catro anos, mantendo o seu uso social e asistencial de xeito continuado durante un mínimo de quince anos.
A Fundación Amancio Ortega, pola súa banda, asumirá integramente o orzamento de construción e equipamento do centro.
Con este proxecto, Carballo dá un paso xigante na modernización e unificación dos seus servizos sociais, consolidando un modelo de localidade que pon no centro o benestar, a atención á diversidade e o apoio directo ao seu tecido veciñal.













