O Marisquiño completa a súa programación musical con máis de 40 artistas que debuxan unha cartografía sonora da cultura urbana. Segundo destacou o rexedor, o evento contará con música todos os días, do 6 ao 9 de agosto, ofrecendo a proposta «máis ampla e diversa» da súa historia e consolidándose como un «punto de encontro entre distintas escenas e xeracións de artistas».
As novas incorporacións están encabezadas por LG1DO, un mozo de 18 anos que xa entrou no Top 10 viral de Spotify cantando en galego; Nusar3000, produtor que colaborou con artistas como Rosalía. Caballero tamén subliñou a presenza de Rebeliom do Inframundo, «un dos máximos expoñentes do rap galego», así como de VVV [Trippin’ You] e High Paw, referente do reggae en España. Estas confirmacións súmanse ás xa anunciadas de Lorna, Fresquito e Mango e El Virtual.
Abel Caballero puxo en valor que Vigo non só é unha referencia mundial no deporte urbano, senón que agora tamén se converte nun «referente da cultura urbana sonora», un evento ao que o Concello achega 1,3 millóns de euros anuais. A programación, que terá como escenario principal a praia de Samil, inclúe desde o sound system e o freestyle rap ata o turntablism e a electrónica. Neste sentido, o cartel articúlase en tres grandes liñas: as novas correntes urbanas (con West Srk ou CANDi), as escenas fundacionais (con Chalart58 & Matah) e a electrónica underground (con artistas vigueses como Nueva Apóstol e Pálida).
A programación complétase coa xa presentada final ibérica do Mundial de MC (DMC), un dos puntos fortes da programación, que reunirá en Vigo aos 20 mellores DJs de España e Portugal. Esta competición é unha referencia mundial e contará cun xurado internacional de prestixio, ademais de demostracións e showcases no propio festival.













