O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática iniciou o procedemento para declarar a Antiga Prisión Provincial de Lugo como Lugar de Memoria Democrática, recoñecendo así “o valor histórico, simbólico e memorial dun dos principais espazos de represión franquista en Galicia durante a Guerra de España e a posguerra”, en palabras do secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez.
Durante unha visita realizada hoxe a Lugo, o secretario de Estado de Memoria Democrática informou deste novo avance, acompañado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia Rodríguez; o deputado provincial, Miguel Fernández, e representantes das asociacións memorialistas de Galicia.
O antigo cárcere, inaugurado en 1887 e actualmente convertido no centro cultural “O Vello Cárcere”, foi escenario do encarceramento de centenares de persoas perseguidas polo seu compromiso coa democracia, a liberdade e a defensa da legalidade republicana tras o golpe militar de xullo de 1936. Entre os presos atopábanse autoridades civís, representantes políticos, sindicalistas e numerosos cidadáns represaliados polas súas ideas.
Martínez López destacou “as duras condicións de aglomeración sufridas polos reclusos, así como o papel da prisión no sistema represivo franquista”. Tamén puxo en valor a memoria das mulleres encarceradas por motivos políticos, entre elas Consuelo Alonso González, coñecida como “A Comunista”, única muller executada oficialmente na provincia de Lugo.
Ademais, recoñécese a utilización de man de obra forzada de numerosos presos en obras públicas da cidade dentro do denominado sistema de redención de penas polo traballo imposto pola ditadura.
Con esta incoación, o inmoble queda rexistrado provisionalmente no Inventario de Lugares de Memoria Democrática e pasa a contar co réxime de protección previsto na Lei de Memoria Democrática. A iniciativa forma parte do compromiso do Goberno de España coa verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, contribuíndo a dignificar a memoria de quen sufriu persecución, prisión e violencia por defender a liberdade e a democracia.
A incoación como Lugar de Memoria Democrática do Antigo Cárcere Provincial de Lugo vén de sumarse a outros xa incoados en Galicia e que están pendentes da súa declaración definitiva, como o penal das illas de San Simón e San Antón, a cidade de Ferrol e o Pazo de Meirás.













