Dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) se celebra a convalidación do Congreso dos Deputados do Real Decreto polo que se actualizan as entregas a conta das entidades locais para o ano 2026.
Esta convalidación implica que os concellos e deputacións galegas percibirán un total de 1.814 millóns de euros neste ano 2026, o que supón un incremento do 8,5% respecto ao ano anterior, que se traduce en 143 millóns máis.
Este incremento do financiamento local que provén do Estado se materializará nas entregas a conta do meses de setembro a decembro deste ano tal e como dispón o mencionado Real Decreto.
A isto unirase a liquidación positiva correspondente ao ano 2024, polo que as entidades locais galegas percibirán unha cantidade estimada de 55 millóns de euros a principios deste mes de agosto.
Ademais, a norma tamén regula a utilización do superávit para o ano 2025 polos concellos, cuestión recurrentemente demandado polos concellos, e que, no caso do investimento en vivenda, poderá ampliarse 4 exercicios máis.
Para o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, «a convalidación no Congreso supón unha moi boa nova para as entidades locais galegas», e insiste en lembrar «a necesidade da participación do municipalismo nos traballos de reforma do financiamento público».
«O financiamento local que os concellos recibimos do Estado ten que actualizarse, evitando estar condicionado á aprobación dos Orzamentos Xerais, xa que se aproben ou non, os concellos seguimos a ter que atender todos os servizos e cada vez máis competencias, que non sempre contan co financiamento necesario», salienta Alberto Varela.
Na liña de mellorar o financiamento que reciben os concellos do Estado e tamén da Xunta de Galicia, en cumprimento do mandato constitucional, o presidente da FEGAMP apelou ao goberno da Xunta de Galicia a que «a parte do financiamento local que é da súa responsabilidade, e que está a revisarse no anteproxecto da futura nova Lei de Administración Local de Galicia (Lalga), siga a senda de incremento do financiamento local estatal e o seu carácter incondicionado, para evitar os procedementos de concorrencia e competencia que os fondos condicionados da Xunta supoñen para os concellos».
Por último, Alberto Varela instou á Xunta de Galicia «a traballar en común nese anteproxecto da Lalga, recibindo a FEGAMP a consideración e o respecto que merece pola súa condición de única organización representante de todo municipalismo galego».












