Fai días que deu comezo a acción municipal ” Marisco Pride. Orgullo de ría!” promovida polo Concello de Mañón no marco da campaña do 28 de xuño “Día da diversidade LGTBIAQ+”. Un programa deseñado para chegar ao maior número de persoas e colectivos de diferentes ámbitos, máis aló do termo municipal, cuxo acto central terá lugar o venres, 26 de xuño, na Casa Consistorial.
Será a partir das 12:00 da mañá cando se proceda á lectura do manifesto institucional, ao reparto de materiais, á presentación da ZONA D+ e á colocación da lona principal da campaña, todo isto, trala realización de varios obradoiros e actividades de sensibilización en entidades como Aspromor, o CEIP Francisco López Estrada e o PAI de Mañón ao longo do mes de xuño.
Ademais, este ano a acción dá un paso máis aló do ámbito social e educativo, implicando ao sector da hostalería. O 28 de xuño cinco locais do municipio participarán na “Ruta Arco da Vella”, unha proposta que consistirá en colocar elementos de visibilización do “orgullo” nos pinchos e tapas que ese domingo acompañen as consumicións.
Así, o Abeiro do Sor en Mañón, Bar Queiro e Relojes no Barqueiro, La Marina no Porto do Barqueiro e Onda Norte en Esteiro vestirán as cores LGTBIAQ+ para reivindicar un Mañón diverso e en igualdade.










