O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, exemplificou hoxe en Portomarín (Lugo) como o Programa PIREP do Goberno mellora os servizos e equipamentos públicos nos pequenos concellos de Galicia. Fíxoo durante a visita á Casa da Cultura da vila, que foi totalmente renovada grazas á aportación de 415.059 euros deste programa do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana dentro do Plan de Recuperación. O delegado percorreu xunto co alcalde, Pablo Rivas, as instalacións deste edificio público de referencia para o municipio, que alberga, entre outros servizos, o auditorio e a biblioteca.
Alí, Pedro Blanco lembrou que o PIREP beneficia en Lugo a sete concellos, a maioría de menos de 5.000 habitantes, con 3,2M€ de investimento “que melloran a calidade de vida da súa cidadanía” e que son unha mostra do compromiso municipalista do Goberno de España. Xunto a Portomarín, o programa PIREP posibilita actuacións en Vilalba, A Fonsagrada, Pol, Rábade, A Pontenova e Antas de Ulla, creando novos espazos para a cidadanía ou mellorando as instalacións da Administración Local. O delegado tivo palabras de recoñecemento aos Concellos, por ser impulsores destas actuacións que resultaron beneficiarias da convocatoria.
Tras visitar a Casa da Cultura, Pedro Blanco remarcou que “grazas ao Plan de Recuperación do Goberno os veciños e veciñas de Portomarín gañan un edificio practicamente novo, máis accesible, eficiente e sostible, pensado para impulsar a cultura, o lecer e a vida social da vila”. E engadiu a relevancia que teñen os equipamentos culturais para garantir a igualdade no acceso á cultura dos concellos de contornas rurais, que é un dos obxectivos do Goberno.
PIREP Local e Autonómico
O Programa PIREP (Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos) foi creado para financiar a rehabilitación de edificios públicos en colaboración co resto de Administracións e co obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética e habitabilidade. A vertente local, destinada a Concellos e Depuracións, deixou en Galicia 47,5 millóns de euros para a rehabilitación de 48 edificios de 43 concellos, como o de Portomarín.
Xunto ao PIREP Local, o Goberno tamén impulsou un programa en colaboración coas Administracións Autonómicas. No caso de Galicia, este programa financiou a reforma en Portomarín do CEIP Virxe da Luz. Neste caso, o Goberno, a través do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, achegou máis de 600.000 euros á Xunta para executar a obra, o 60% do investimento total.













