Celanova volverá converterse no epicentro da diversidade e a inclusión no medio rural coa celebración da nova edición de «Orgullo de Pobo, Destino Diversidade: Celanova é Orgullo» o vindeiro sábado 4 de xullo. Tras ser nomeado en 2025 como o primeiro Pobo Orgulloso Galego, a área de Igualdade do Concello de Celanova organiza unha nova edición dun evento que conecta a súa riqueza histórica e patrimonial cos valores de tolerancia, igualdade e interxeracionalidade, servindo como motor de modernidade e activación cultural de cara ao Xacobeo 2027.
A celebración deste ano une os conceptos de «Orgullo e Camiño» para reflectir, de cara aos visitantes e peregrinos, o rural como un espazo seguro, inclusivo e de acollida. O evento de 2026 vincula o Camiño de Santiago, especificamente o Camiño de San Rosendo e a Rainha Santa, coa defensa dos dereitos LGTBI+. O obxectivo é visibilizar as historias de vida no rural e demostrar que Galicia é un destino turístico internacional seguro, amable e amigable para todas as persoas, independentemente da súa orientación ou identidade.
A programación do día 4 de xullo comezará ás 12:30 horas coa sesión aperitivo e polbo a cargo da Banda de Música de Celanova. Pola tarde, desde as 20:00 horas, haberá animación de rúa coa charanga BCB e, a partir das 21:30 horas, dará comezo a gran gala-show «Celanova é Orgullo» na Praza Maior. No evento o público poderá gozar en directo das actuacións de Verónica Romero, Lucía Pérez, Nacha la Macha, Chanel Anorex, Roberto Aragón, Iría González, Zarah Lax, Sula DJ e Dr. Slump, ás que se sumarán o ritmo e a música da Charanga BCB e da histórica Banda de Celanova. Un elenco de luxo que fará da vila o gran epicentro da diversidade e a inclusión.
Dende o ano 2022
A área de Igualdade do Concello de Celanova organizou no ano 2022 a primeira edición do Día do Orgullo con obradoiros, proxeccións e música en directo. Unha conmemoración que foi mudando e crecendo, sumándose a proposta da artista Lucía Pérez e o creativo Manu Varela. Nesta edición, o Concello é promotor dunha celebración na que colabora, un ano máis, a Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios da vila (Celanova CHEA). Coas súas máis de 130 empresas asociadas, a entidade implicarase de cheo co evento colocando vinilos da campaña nos seus establecementos.
A veciñanza tamén será protagonista indispensable desta edición, que prevé ampliar as actividades e impacto nos concellos limítrofes, a través da distribución de material para engalanar as rúas, vivendas, comercios e locais de restauración coas cores do Orgullo. As rúas tamén acollerán exposicións fotográficas e artísticas tanto de creadores profesionais como de artistas locais, transformando a vila nun museo aberto á diversidade.
Esta iniciativa consolídase como unha estratexia clave para asociar a marca Galicia e «O Noso Xacobeo» cos valores de modernidade, convivencia plural e dereitos humanos, demostrando que o rural galego está á vangarda do cambio social.












