O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, apelou hoxe á responsabilidade das persoas condutoras ante os riscos asociados ao consumo de alcol e drogas ao volante. “A única taxa segura é 0,0. Conducir despois de consumir alcol ou drogas pon en perigo a propia vida e a de todas as persoas que comparten a estrada”, advertiu.
Abalde asistiu na peaxe da AP-9 en Fene ao inicio da nova campaña especial de control da taxa de alcol e da presenza de drogas en condutores da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), xunto co capitán da Garda Civil, Tomás Varela Turnes e a xefa provincial de Tráfico da Coruña e coordinadora da DXT en Galicia, Victoria Gómez Dobarro. A campaña desenvolverase ata o domingo 19 e terá unha especial incidencia nas zonas turísticas e de ocio vinculadas a estas datas, moitas delas situadas en ámbitos urbanos. Por este motivo, a DXT promoverá a implicación dos concellos e das policías locais nos controis.
“Falamos de condutas perfectamente evitables que poden ter consecuencias irreparables. A prevención, os controis e, sobre todo, a responsabilidade individual son fundamentais para evitar sinistros e salvar vidas”, sinalou o subdelegado.
O alcol foi en 2024 o segundo factor concorrente máis habitual nos sinistros de tráfico. Segundo os datos da DXT, estivo presente no 12% dos sinistros rexistrados e foi factor concorrente no 28% dos sinistros con vítimas mortais, con 273 casos asociados. Ademais, o 29% das persoas condutoras falecidas ás que se lles realizou a proba de alcoholemia obtiveron un resultado positivo, o que supón un incremento dun punto porcentual respecto a 2023.
Abalde lembrou que o consumo de alcol aumenta o tempo de reacción, provoca unha subestimación da velocidade e afecta á visión e á coordinación. “Mesmo cando unha persoa cre que mantén o control, as súas capacidades para conducir xa poden estar alteradas. Non hai consumo de alcol compatible cunha condución segura”, incidiu.
12.531 probas na provincia da Coruña
Durante a campaña especial desenvolvida en xullo de 2025 realizáronse 12.138 probas de alcol, das que 222 resultaron positivas, e 393 probas de drogas, con 205 positivos. No conxunto de Galicia, a campaña rematou con 31.139 probas realizadas e 928 positivos en, cando menos, unha das dúas substancias.
A nivel estatal, os axentes realizaron probas a 210.957 condutores durante a campaña de xullo de 2025, dos que 4.234 deron positivo en alcol e/ou drogas. Isto supón que máis de 600 condutores foron detectados cada día ao volante tras consumir estas substancias. O 96% destes positivos foron detectados en controis preventivos, mentres que o resto se produciron tras infraccións, sinistros ou ante a presenza de síntomas. “Este dato demostra a importancia dos controis preventivos. Permiten detectar condutas de risco antes de que deriven nun accidente e son unha ferramenta esencial para protexer o conxunto da cidadanía”, destacou Julio Abalde.
O subdelegado quixo tamén recoñecer o traballo da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e do persoal da Dirección Xeral de Tráfico “polo seu labor permanente de vixilancia, prevención e sensibilización nas estradas”.
“Cada decisión conta. Decidir non conducir despois de consumir alcol ou drogas é unha decisión que protexe vidas. Ese é o principal obxectivo desta campaña”, concluíu Abalde.













