O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presidiu esta mañá un minuto de silencio na Delegación do Goberno en repulsa polos asasinatos machistas de Patricia, de 48 anos, en Alacante; de Vicky, de 51 anos en Málaga; de Ana, de 44 anos en Sevilla, de Cristina, de 35 anos, asasinada no mes de marzo en Málaga, pero que estaba desaparecida; de María Lourdes, de 55 anos, asasinada xunto á súa filla Lucía, de 20 anos, en Alacante e de María, de 61 anos, asasinada en Málaga xunto á súa filla Patricia, de 34 anos.
Durante a súa intervención, Pedro Blanco trasladou o pésame ás familias e amizades das vítimas e lembrou que xa son 28 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas en España no que vai de ano e 1.369 desde que existen rexistros oficiais.
O delegado expresou a “tristura, rabia e indignación” ante unha violencia que continúa sumando vítimas e cualificou de “inasumible” esta cifra nunha sociedade democrática e libre. Así mesmo, reafirmou a defensa da igualdade e fixo un chamamento ao conxunto das institucións, administracións e da sociedade para manter esta loita desde a unidade e a firmeza, sen dar un paso atrás.













