A enquisa de poboación activa (epa) do segundo trimestre de 2026 publicada hoxe reflicte unha baixada do emprego e do paro para Galicia. Rompe así a tendencia habitual neste período do ano e diverxe do que acontece no conxunto do Estado. Os datos amosan que en Galicia temos 1 172 000 persoas ocupadas, 6100 menos que hai tres meses, e 101 100 persoas desempregadas, 14 800 menos que no trimestre anterior; é dicir, a poboación activa galega redúcese en 21 000 persoas.
O balance do mercado laboral nestes tres meses é negativo: todas as comunidades crean emprego menos Galicia e Canarias. A perda de emprego reprodúcese en todos os sectores agás nos servizos. Hai 6100 persoas ocupadas menos pero o desemprego redúcese en 14 800 persoas, o que quere dicir que a poboación activa cae en 2100 persoas mentres segue medrando no Estado (de novo son Galicia e Canarias as únicas comunidades autónomas onde cae a poboación activa). A taxa de actividade galega está seis puntos por debaixo da estatal e a de ocupación, cinco. O 93 % do emprego asalariado creado é temporal.
En resumo, un trimestre de datos positivos pero con máis sombras ca luces debido ao encollemento do noso mercado laboral, manifestado en forma de perda de poboación activa. A caída afecta especialmente ás mulleres, que son expulsadas do mercado laboral galego. Outro punto negativo é o aumento da diverxencia co Estado.
A epa do segundo trimestre do ano en Galicia reflicte a perda de 6100 empregos e a redución do desemprego en 14 800 persoas. O emprego medra en Galicia un 0,70 % fronte ao 2,05 % do Estado. Pola contra, o desemprego cae en Galicia un 0,5 % e no Estado medra un 2,2 % respecto do trimestre anterior. Galicia é unha das dúas únicas comunidades onde se perde emprego nun trimestre marcado polas contratacións estivais.
A ocupación masculina cae en 5600 empregos e a feminina en 600. De cada 100 persoas con emprego, 50 son mulleres. Hai 800 parados menos e 14 000 paradas menos. Todos os empregos creados son a xornada completa: créanse 4900 novos empregos a xornada completa e pérdense 11 100 a xornada parcial.
Cae o emprego en todos os sectores agás no dos servizos: no sector primario temos 2300 empregos menos, na industria 2500, na construción 2000, mentres que nos servizos se crean 700 empregos.
Na desagregación por ramas de actividade, a maior creación de emprego rexístrase no comercio, con 15 400 novos empregos, seguido das actividades de edición, radiodifusión e produción e distribución de contidos, telecomunicacións, programación informática, consultaría, infraestrutura informática e outros servizos de información con 3200 empregos; as actividades financeiras e de seguros suman 2100 e as actividades inmobiliarias, 800 empregos. No resto das ramas de actividades pérdese emprego.
Créanse 22 800 empregos asalariados, resultado do aumento de 1500 empregos asalariados indefinidos e 21 300 temporais. No sector público hai 7500 empregos máis e 15 300 no sector privado.
No sector público soben en 4900 os empregos indefinidos e en 2600 os temporais. No sector privado pérdense 3400 empregos indefinidos mentres se crean 18 700 temporais.
No segundo trimestre de 2026 hai 101 100 persoas en desemprego en Galicia, segundo a epa. Son 14 800 menos que no trimestre anterior. O paro diminúe en Galicia un 12,8 % e no Estado un 7,9 % en relación co trimestre anterior. O desemprego masculino cae en 800 persoas e o feminino en 14 000. De cada 100 persoas en desemprego, 47 son mulleres.
A taxa de actividade sitúase no 53,0 %, unha décima menos que hai tres meses e seis puntos por debaixo da estatal. A taxa de emprego sobe ata o 48,8 %, non chega a medio punto, pero queda catro por baixo da do Estado. En relación co mesmo período do ano anterior, en Galicia temos 6500 persoas ocupadas máis e o paro redúcese en 5000 persoas.













