Vimianzo conta xa cun novo elemento de arte urbana que rende homenaxe ás pandereteiras, protagonistas da tradición musical e do patrimonio inmaterial do municipio.
O artista Cristian F. Caruncho foi o encargado de dar vida a este mural XXL, situado na rúa Rosalía de Castro, unha intervención que se desenvolve no marco da segunda edición de Vimianzo M.O.L.A. (Murais, Oralidade, Literatura e Artes).
A obra reivindica a figura das pandereteiras e o papel fundamental das mulleres na conservación e transmisión da cultura popular galega. Unha tradición profundamente vinculada á identidade de Vimianzo e da Costa da Morte, que agora se incorpora tamén ao espazo público a través da creación artística contemporánea.
Desde o Concello de Vimianzo saliéntase que “este mural é unha homenaxe ás nosas pandereteiras, ás mulleres que durante xeracións mantiveron viva a música, os saberes e a cultura popular”.
A intervención encaixa coa filosofía de Vimianzo M.O.L.A., un programa que busca conectar literatura, oralidade, arte e patrimonio e levar a cultura máis alá dos espazos convencionais. Neste caso, a arte urbana convértese nunha ferramenta para recoñecer a memoria cultural do territorio e achegala á cidadanía e ás novas xeracións.
O Concello agradece a Cristian F. Caruncho o seu traballo e compromiso con esta proposta, así como á familia do Regueiro por ceder a fachada e colaborar para facer realidade esta intervención, que deixa unha nova pegada artística nas rúas de Vimianzo.
Con este mural, Vimianzo continúa apostando pola cultura como elemento de identidade, participación e dinamización do territorio.
O M.O.L.A. tamén queda nas rúas de Vimianzo.







