O Concello de Ferrol, a través da concellería de Participación Cidadá, continúa a reforzar o seu compromiso coas entidades veciñais da cidade, acompañándoas non só no desenvolvemento das súas actividades, senón tamén naqueles aspectos que son fundamentais para o seu funcionamento e para a súa relación coas diferentes administracións.
Neste marco, a concellería de Participación Cidadán vén de ofrecer ás entidades veciñais un curso formativo sobre a tramitación de axudas e subvencións públicas, unha acción incluída no programa Impulsa Veciñal Ferrol, que ten como obxectivo dotar ás asociacións dos coñecementos e ferramentas necesarios para facilitar o acceso aos recursos públicos.
“Queremos estar ao seu carón no día a día e tamén facilitarlles todas aquelas ferramentas que necesitan para desenvolver o seu labor con maior autonomía e seguridade”, apuntou o concelleiro de Participación Cidadá, Javier Díaz. “Sabemos que a tramitación das subvencións pode resultar complexa, especialmente cando implica utilizar plataformas electrónicas de diferentes administracións, e por iso consideramos fundamental ofrecerlles formación práctica que lles permita aproveitar todas as posibilidades de financiamento das que dispoñen”.
Ademais, as entidades veciñais terán tamén á súa disposición un curso de galego administrativo, orientado a facilitar a elaboración e comprensión da documentación e das comunicacións administrativas que deben realizar no desenvolvemento da súa actividade.
A realización destas dúas accións formativas acordarase coas propias entidades veciñais, co obxectivo de adaptar as datas ás súas necesidades e dispoñibilidade.







