A Deputación da Coruña vén de completar as obras de creación e sinalización da nova senda ciclable que conecta a Batería de Campelo Baixo coa Batería de Campelo Alto, no concello de Valdoviño.
A actuación foi supervisada polos técnicos da Deputación e polo alcalde de Valdoviño, Alberto González, que comprobaron o resultado dos traballos executados nun tramo duns 1,7 quilómetros.
O proxecto contou cun investimento de 78.394,24 euros e forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Centro Histórico de Ferrol e Patrimonio Militar da Costa Ártabra, financiado con fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
A nova senda permite mellorar o acceso a un ámbito de alto interese histórico e paisaxístico, onde se conservan restos das antigas baterías militares construídas en 1914 para a defensa do Golfo Ártabro. Estas instalacións foron desmanteladas nos anos 80 e, ata agora, o acceso presentaba dificultades pola vexetación e polo mal estado dos camiños.
As obras respectaron o trazado dos camiños existentes e acondicionaron un itinerario compartido para peóns e bicicletas, cunha plataforma de 2,75 metros de ancho. Os traballos incluíron a limpeza e retirada de maleza, a mellora da capa de rodadura con zahorra artificial, actuacións de drenaxe e a apertura de cuneta no tramo final de baixada cara ás baterías de Campelo Baixo.
A intervención completouse coa instalación de aparcabicis de madeira e paneis de dirección e información, co obxectivo de facilitar o uso da senda e contribuír á posta en valor das antigas baterías militares de Ferrolterra.













