A deputada de Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, Yoya Neira, e o vicepresidente de Fundación Paideia, Guillermo Vergara, participaron este luns na inauguración do novo Espazo Audiovisual Mans, situado no Centro de Iniciativas Empresariais Mans da Fundación Paideia, no polígono de Pocomaco (A Coruña).
A Deputación colaborou na posta en marcha deste novo equipamento cunha achega de 7.622,80 euros destinada á adquisición de equipamento técnico para o plató audiovisual, unha infraestrutura pensada para facilitar a creación de contidos audiovisuais profesionais por parte de emprendedores, pequenas empresas e proxectos vinculados á economía social.
O novo espazo conta cun plató dotado de ciclorama (fondo infinito) que permite realizar rodaxes e producións audiovisuais adaptadas ás novas necesidades do sector, incluíndo contidos dixitais e producións vinculadas ás novas tecnoloxías e á intelixencia artificial.
Durante o acto, Yoya Neira destacou o compromiso da Deputación co impulso do emprendemento e coa creación de oportunidades para novos proxectos profesionais. A deputada sinalou que iniciativas como esta contribúen a facilitar o acceso a recursos técnicos e espazos profesionais que resultan fundamentais para que pequenas empresas e persoas emprendedoras poidan desenvolver os seus proxectos e mellorar a súa visibilidade.
Neste sentido, subliñou tamén a importancia de apoiar modelos vinculados á economía social e ao emprendemento cooperativo, que sitúan ás persoas e ao impacto social no centro da actividade económica.
Un centro de referencia para o emprendemento
O Centro de Iniciativas Empresariais Mans, impulsado pola Fundación Paideia Galicia e creado en 2004 por Rosalía Mera, foi pioneiro en España no apoio ao emprendemento e no acompañamento a persoas que apostaban por crear os seus propios proxectos empresariais.
Na actualidade acolle 34 empresas de sectores como o tecnolóxico, o audiovisual, a enxeñaría ou a arquitectura, cunha presenza crecente de iniciativas vinculadas á economía social e aos modelos cooperativos.
Segundo o ranking da Fundación Funcas, o centro sitúase hoxe entre os mellores viveiros de empresas de tamaño medio de España, consolidándose como un espazo clave para a creación de empresas e a xeración de emprego.
40 anos da Fundación Paideia
A inauguración deste novo espazo audiovisual enmárcase ademais no 40 aniversario da Fundación Paideia Galicia, unha entidade que desenvolve o seu traballo en ámbitos como a inclusión laboral das persoas con discapacidade, o apoio á xuventude, o emprendemento, o desenvolvemento territorial e a formación, algunhas delas coa colaboración da Deputación da Coruña.













