O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Vimianzo e deputada provincial, Mónica Rodríguez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para garantir durante o ano 2026 a xestión integral do Castelo de Vimianzo e do conxunto etnográfico dos Batáns de Mosquetín, dous dos principais referentes patrimoniais e culturais da Costa da Morte.
O acordo contempla unha achega máxima da Deputación de 120.000 euros, o que supón máis do 85 % do financiamento dos gastos non cubertos polos ingresos da actividade. O orzamento total do proxecto ascende a 140.000 euros, dos que a maior parte se destinan á actividade do Castelo de Vimianzo.
O convenio dá continuidade a un modelo de xestión baseado na atención profesional ás persoas visitantes e nunha ampla programación cultural e divulgativa que se desenvolve ao longo de todo o ano. O Castelo de Vimianzo conta cunha exposición permanente que inclúe o centro de interpretación da fortaleza e da Costa da Morte, paneis explicativos sobre a súa historia e sobre diferentes manifestacións artesanais, así como o acceso ao foso e ás distintas dependencias do edificio medieval.
Un dos piares da actividade do castelo é a Mostra de Artesanía en Vivo, que permite ao público coñecer de primeira man oficios tradicionais como o encaixe de Vimianzo, o traballo do liño en todo o seu proceso, a olería de Buño, a maquetería naval, os traballos en prata, vidro, coiro, papel ou palla, convertendo a visita nunha experiencia participativa e educativa.
O programa inclúe tamén a realización de exposicións temporais, tanto de artesáns participantes na mostra como de outras temáticas vencelladas á promoción cultural de Vimianzo, da Costa da Morte e do patrimonio provincial, así como mostras comisariadas pola propia Deputación.
Outro dos grandes atractivos son as visitas guiadas e teatralizadas, especialmente durante a tempada de verán ou a Semana Santa. A través de representacións lúdicas e didácticas, unha compañía profesional recrea diferentes épocas da historia do castelo, desde a etapa medieval dos Mariño de Lobeira e os Moscoso ata episodios máis recentes, ofrecendo ao público un percorrido histórico accesible e ameno. O programa complétase con visitas nocturnas, nas que personaxes históricos ligados á fortaleza guían ás persoas asistentes nun ambiente singular.
Ao longo do ano desenvólvense ademais numerosas actividades de dinamización sociocultural, como obradoiros artesanais no patio do castelo, reunións de palilleiras, promoción da moda de liño, roteiros a pé pola contorna, actuacións musicais e audiovisuais, relatorios históricos e actividades participativas para todos os públicos. Durante os meses de verán organízanse tamén as “Noites no Castelo”, con espectáculos culturais en pequeno formato.
O convenio presta unha atención especial ao ámbito educativo, coa elaboración de unidades didácticas adaptadas aos distintos ciclos escolares, co obxectivo de converter o castelo nun recurso pedagóxico de referencia para os centros educativos da comarca e da provincia.
Tras a sinatura do convenio, Valentín González Formoso destacou que o Castelo de Vimianzo “é un exemplo de patrimonio vivo, un espazo aberto á cidadanía que permite ás persoas visitantes coñecer e conectar coa historia da Costa da Morte”, mentres que a alcaldesa Mónica Rodríguez subliñou “o valor desta colaboración institucional para manter vivo un espazo emblemático que forma parte da identidade de Vimianzo e da comarca”.
O convenio terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 2026 ata o 31 de marzo de 2027, garantindo a apertura, o mantemento e a programación continuada destes espazos patrimoniais.










