O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación na Xunta de Goberno provincial de sete novas achegas por valor dun millón de euros aos concellos de Agolada, Ribadumia, Covelo, Meaño, Mondariz, Poio e Sanxenxo para impulsar un total de 96 novas contratacións no marco da liña 3 do Plan +Provincia 2026-2027.
Grazas a estes recursos, estes sete concellos poderán reforzar os seus servizos municipais coa incorporación de persoal temporal de diferentes perfís. Así, Agolada recibirá 96.000 € para crear 7 postos de traballo (dous pavimentadores, un poceiro para saneamento, dous mantedores de edificios, un pegador de carteis e un socorrista), Ribadumia 99.000 € para 6 contratacións (un albanel, tres peóns de obras, un monitor de ocio e un técnico de urbanismo), Covelo 113.000 € para impulsar 14 contratacións (un auxiliar administrativo, dous condutores de camión, sete peóns forestais, un albanel, un carpinteiro e dous peóns de limpeza) e Meaño 114.000 € para impulsar 13 contratacións (un operario condutor, dous albaneis, catro peóns de obras públicas, un limador, un traballador forestal, un técnico de educación infantil, un coidador de comedor escolar, un coidador de terceira idade e un operario de piscina).
Tamén reciben recursos Mondariz para crear 7 postos de traballo (117.000 € para dous auxiliares de axuda ao fogar e cinco operarios de servizos múltiples), Poio para outros 23 contratos (230.000 € para un operario canceiro, dous operarios de servizos varios, dous oficiais de 1º electricistas, catro limpadores, tres subalternos/conserxes, dous traballadores do ciclo superior de turismo, un traballador social, tres oficiais de 1ª condutor de praias, tres operarios de servizos múltiples en praias, un animador sociocultural e un auxiliar de clínica) e Sanxenxo para a creación de 26 postos de traballo (254.000 € para seis auxiliares administrativos, doce peóns de obras públicas e oito peóns de limpeza e mantemento).
Luis López destacou que “seguimos sumando recursos dentro destes 85 millóns de € dos que está dotado o +Provincia 2026-2027, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación de Pontevedra”. Con este plan, sinalou o presidente da Deputación, “demostramos ser os máximos aliados dos concellos desta provincia, dotándoos de recursos para facer realidade os seus proxectos e respectando a súa autonomía”.












