O deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña visitou este martes Nigrán, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar con 230.000 euros as obras para acondicionar a rúa Rubido, así como mellorar e adaptar as redes de drenaxe e saneamento no ámbito da Romana (Romana Alta e Damas Apostólicas). A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres os recursos para esta actuación, enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027 que destinará a Nigrán 1,95 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
Cos recursos provinciais o Concello de Nigrán vai acondicionar a rúa Rubido, mellorando a seguridade e a circulación mediante a renovación do pavimento e a reordenación do tráfico na zona (incluíndo o Camiño do Barrantes e da Cabreira), ademais de instalar un novo sistema de drenaxe para a auga de chuvia. Por outra banda, na contorna da Romana realizarase unha inspección a fondo (con cámaras robotizadas) e a mellora das redes de saneamento, que inclúe adaptar as canalizacións ao sistema separativo e arranxar os tramos deteriorados baixo a Avenida de Portugal. Por último, no camiño do Barrantes rehabilitarase o firme e a capa de rodaxe.
“O municipalismo é a nosa bandeira” subliñou o deputado Jesús Vázquez Almuíña, quen puxo en valor que o compromiso do goberno provincial cos concellos tradúcese en plans e programas cos que “estamos dando resposta ás súas demandas e facendo realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, Almuíña puxo en valor a relevancia do +Provincia que permite impulsar “iniciativas tan importantes como esta que hoxe anunciamos en Nigrán, que melloran a seguridade viaria dos seus núcleos poboacionais e, con elo, a vida da xente”.













