Abel Caballero presentou este xoves a 52 edición da Feira do Libro de Vigo xunto a Olaya Tembra, coordinadora da Federación de Librarías de Galicia, organizadora da cita que comeza o 1 de xullo e que se desenvolverá ata o 7 de xullo na Praza de Compostela.
Co lema “A porta a universos infinitos”, a feira abrirá este ano co pregón do escritor vigués Manuel Esteban e co obxectivo de ser un espazo vivo para compartir a experiencia literaria e lectora. A feira medra en participación e actividades: haberá 26 casetas, 5 máis que en 2025, e destaca a presenza das librerías viguesas: haberá 9, tres máis ca na anterior edición.
Abel Caballero apuntou a importancia das feiras do libro e a visión cultural que ofrecen nunha “semana de acción cultural intensa e magnífica” na que ademais de visitar as casetas das librerías tamén haberá charlas, encontros e mesas abertas co público, rutas literarias, obradoiros de escritura, recitais…Así convidou a toda a cidade a “ir á feira e falar cos autores, coas libreiras e cos libreiros porque ler un libro é marabilloso, pero é marabilloso tamén falar con eles e dicirlles canto apreciamos o seu traballo”.
Olaya Tembra sinalou que a Feira do Libro de Vigo é unha “cita consolidada no calendario cultural da cidade e que, un ano máis, amosa a boa saúde do sector do libro e o interese crecente da cidadanía polo encontro”. Sobre o incremento nun 33% da presenza de librerías viguesas destacou que “pon de manifesto a implicación do tecido libreiro vigués, que desempeña un papel fundamental na dinamización cultural das cidades”.













