A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, e polo xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, supervisaron hoxe a zona na que se está levando a cabo o derrubamento do viaduto da AC-12, unha actuación que se desenvolve mediante un proceso de demolición controlada das súas estruturas, durante este luns, martes e mércores, en varias fases.
Durante a visita, a delegada destacou o importante despregamento previsto para estes tres días, nos que arredor de 40 persoas traballarán en diferentes quendas que están a desenvolver para garantir a actividade as 24 horas do día, co obxectivo de axilizar ao máximo os traballos, reducir o tempo de execución e minimizar as molestias á cidadanía e as afeccións ao tráfico. Neste sentido, subliñou o esforzo realizado para optimizar os prazos mediante un amplo dispositivo humano e de maquinaria.
Belén do Campo fixo un chamamento á prudencia ás persoas usuarias desta contorna, recomendando evitar a zona na medida do posible e, no caso de ter que circular por ela, seguir en todo momento as indicacións e accesos habilitados. Así mesmo, agradeceu a colaboración e paciencia da cidadanía, persoal e usuarios do CHUAC e amosouse confiada en que, coa implicación de todos, os traballos se desenvolverán con normalidade.
Segundo explicou, a operación de derrubamento inciouse, esta noite, coa demolición de parte dos segmentos do viaduto situados nos bordos da AC-12. A delegada sinalou que o obxectivo é concentrar as actuacións máis complexas nestes días para para poder reabrir ao tráfico a avenida da Pasaxe o vindeiro xoves.
O derrubamento estrutúrase en tres tramos diferenciados. O tramo 1, (vanos 1,2,3,4,5) cunha lonxitude de 70 metros e situado na zona de As Xubias de Abaixo, corresponde ao lazo curvado do viaduto; nel demolerase inicialmente un dos seus cinco vanos, (o número 5), o máis próximo á avenida da Pasaxe, quedando os restantes para unha fase posterior. O tramo 3, (vano 9), xa foi derribado ás 8.00 horas, de 10,5 metros e situado na contorna do hospital, é o máis curto que conta cun único vano. Pola súa banda, o tramo 2, (vanos 6,7,8) de 90,5 metros, é o central e o máis longo, situado sobre a avenida da Pasaxe, e a súa caída constitúe a operación máis singular do proceso, estando prevista a demolición dos seus tres vans nestes tres días.
O plan de traballo completarase, nos próximos días, co derrubo dos vanos restantes (1,2,3,4), executándose de maneira secuencial sen afección para o tráfico na avenida da Pasaxe.
En termos xerais, o procedemento segue unha metodoloxía común en todos os segmentos, que comeza coa colocación dunha cama de amortiguación para protexer o firme da vía, seguida da retirada de barreiras e varandas do viaduto empregando as escavadoras equipadas con mandíbulas que van reducindo progresivamente a estrutura de forma simétrica ata deixar un núcleo central estreito debilitando os extremos ata provocar o derribo controlado de cada van.
A delegada concluíu subliñando o compromiso da Xunta de Galicia coa execución desta actuación estratéxica, incidindo na importancia de compatibilizar a seguridade dos traballos coa menor afectación posible á mobilidade da contorna, así mesmo, agradeceu especialmente nestes tres días a colaboración da DGT e da Policía Local para garantir a fluidez no tráfico.













