O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa senadora na cámara alta, defenderá a vindeira segunda feira, 26 de maio, a modificación da Lei de Augas co obxectivo de reforzar o control público sobre a xestión dos encoros de menor capacidade e evitar que se repitan episodios graves como o sucedido o pasado verán na presa de Chás, no concello de Oímbra, durante a vaga de lumes.
A formación nacionalista lembra que o baleirado «brutal e inxustificado» deste encoro, explotado por unha filial de Endesa, provocou unha grave alteración do ecosistema, con mortaldade masiva de peixes, danos na flora, prexuízos nos usos agrícolas e locais da auga e dificultando a captación de auga para a extinción dos incendios que arrasaron máis de 30.000 hectáreas na comarca de Monterrei en agosto de 2025.
Para a senadora do BNG este episodio evidencia «unha cadea de neglixencias intolerábeis» por parte da empresa concesionaria, que actuou sen comunicación previa ao organismo de bacía, e tamén a insuficiencia do marco legal actual, que deixa fóra do control directo a encoros de menor capacidade.
Carme da Silva Méndez subliñará que «o acontecido na presa de Chás non pode volver repetirse. Non estamos só ante un dano ambiental, senón tamén ante unha situación que puxo en risco a seguranza das persoas nun contexto de lumes devastadores».
Un cambio normativo necesario e urxente
A iniciativa do BNG céntrase na modificación do artigo 55 da Lei de Augas para ampliar as competencias dos organismos de bacía, de maneira que tamén poidan actuar sobre encoros cunha capacidade igual ou inferior a 50 hectómetros cúbicos, actualmente excluídos da regulación específica introducida polo Real Decreto lei 17/2021.
Segundo explica Carme da Silva, «trátase de dotar a Administración das ferramentas necesarias para anticiparse e evitar decisións unilaterais das empresas concesionarias que poidan ter consecuencias irreversíbeis».
A senadora nacionalista recorda que o propio Goberno recoñeceu no Senado, á preguntas do BNG, que a regulación actual «é mellorábel» e que o sucedido en Chás supón «unha lección aprendida», polo que o BNG considera que «non hai escusas para non actuar de inmediato».













