O Concello de Carballo desenvolverá os días 23 e 24 de febreiro un programa de visitas escolares guiadas ao Xardín de Rosalía, coincidindo coa celebración do Día de Rosalía e co obxectivo de achegar a figura e a obra de Rosalía de Castro ás novas xeracións.
O Xardín de Rosalía, inaugurado no ano 2023, converteuse nun espazo de referencia cultural e educativa no municipio. Situado no ámbito do Parque do Anllóns, funciona como aula ao aire libre na que se combinan patrimonio literario, natureza e creación artística.
As visitas, organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística, están dirixidas ao alumnado de 3º e 4º de educación primaria. Ao longo do percorrido, o alumnado participará en explicacións didácticas adaptadas á súa idade, recitados poéticos e propostas musicais que permiten coñecer dunha maneira dinámica e vivencial a importancia de Rosalía na historia da literatura galega.
Nesta edición participan os centros A Cristina, CEIP Nétoma-Razo, San Luís Romero, Bergantiños, Fogar e Gándara-Sofán. En total, máis de 200 escolares ao longo das dúas xornadas.
A dinamización musical correrá a cargo de membros do grupo Raiceira, que interpretarán pezas inspiradas na obra rosaliana, contribuíndo a crear unha experiencia cultural completa na que poesía, música e natureza dialogan nun mesmo espazo.
Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa difusión da cultura galega e coa educación en valores, promovendo actividades que fomentan o coñecemento do noso patrimonio literario desde idades temperás.












