A Mesa do Parlamento galego admitiu hoxe a trámite unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para crear unha nova figura legal de protección ambiental: as Áreas de Restauración Ecolóxica. A proposta pretende establecer un marco xurídico específico para impulsar a recuperación de ecosistemas degradados e garantir que os espazos restaurados conten cun réxime de protección que evite a súa deterioración no futuro.
Trátase da primeira vez a nivel mundial que se propón unha nova categoría de espazo protexido orientada especificamente á recuperación funcional de ecosistemas degradados. Se a proposta é aprobada, cada unha destas áreas contará cun Plan de Restauración Ecolóxica vinculante, no que se definan os obxectivos ambientais, as actuacións necesarias, os indicadores de seguimento e o réxime de usos permitidos ou limitados.
A Comisión Promotora, que integra representantes de diversos colectivos ambientalistas e veciñais, sinala que unha parte significativa dos ecosistemas galegos —terrestres, fluviais, costeiros e mariños— sofre procesos de degradación provocados por factores como a transformación do territorio, os incendios recorrentes, o abandono de prácticas tradicionais, as alteracións hidromorfolóxicas ou os efectos do cambio climático. Neste contexto, consideran que a conservación dos espazos mellor preservados, sendo fundamental, non é suficiente para frear a perda de biodiversidade.
De feito, o novo Regulamento europeo de restauración da natureza establece o obxectivo de restaurar polo menos o 20 % das áreas terrestres e mariñas da Unión Europea antes de 2030, polo que as entidades promotoras consideran necesario contar cun instrumento legal propio que permita aplicar estas políticas de forma eficaz e adaptada á realidade territorial galega. A Comisión aspira a que a lei marque un fito no contexto da Década das Nacións Unidas para a Restauración dos Ecosistemas, que finaliza en 2030.
A proposta tamén aposta pola participación social na restauración da natureza. A iniciativa permitiría que a declaración destas áreas puidese partir non só da Administración autonómica, senón tamén das entidades locais, das persoas propietarias dos terreos, das comunidades de montes veciñais en man común, das entidades de custodia do territorio ou das confrarías de pescadores e pescadoras no ámbito mariño.
Ademais, o texto prevé mecanismos para facilitar a posta en marcha destes proxectos, como a prioridade no acceso a fondos públicos destinados á restauración ecolóxica, á conservación da biodiversidade ou á adaptación ao cambio climático, así como incentivos fiscais asociados á adquisición de terreos ou ás doazóns destinadas á restauración ambiental.
A proposta conta co respaldo de numerosas entidades ambientalistas e conservacionistas (Asociación Galega de Custodia do Territorio, Asociación Corripa, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Asociación Senda Nova, Ecoloxistas en Acción, Fundación Montescola, Fundación Naiterra, Greenpeace e Verdegaia) así como de varias comunidades de montes veciñais en man común, integradas na Rede de áreas conservadas por comunidades locais.
Logo da admisión a trámite por parte da Mesa do Parlamento, a proposta deberá ser validada pola Xunta Electoral antes de que comece o proceso de recollida das 10.000 sinaturas necesarias para que o pleno do Parlamento chegue a debater a proposta. A Comisión Promotora anima a toda a cidadanía a participar neste proceso para mostrar o apoio social transversal á restauración da natureza.













