Salienta a “obsesión” do BNG por debuxar unha Comunidade triste e gris e recorda o seu “comportamento desleal” nos momentos de dificultades ao tentar sempre manipular aos galegos
● Alberto Pazos contrapuxo o compromiso democrático e o respecto polas institucións do presidente Alfonso Rueda co do presidente Pedro Sánchez: “Aínda non se cumpriron catro anos desde que se converteu en presidente de todos os galegos e xa triplica o número de debates de política xeral, ademais de cuadriplicar o número de orzamentos aprobados nos oitos anos de Goberno de Sánchez”.
● Tal e como salientou o portavoz do Grupo Popular, Galicia continúa a ser unha illa de estabilidade, grazas a que as galegas e os galegos apostan por manter a nosa terra afastada do ruído, do populismo e da lea permanente.
● Dixo que a única base posible para o consenso é o programa electoral que foi referendado maioritariamente nas urnas, o cal se converteu nun “compromiso formal, vinculante e de cumprimento inescusable”.
● Aproveitou para poñer en valor a educación de primeiro nivel, a atención sanitaria de gran calidade e servizos públicos solventes, modernos e avanzados, así como, tamén, un estado do benestar moi consolidado.
● Lamentou o relato “distópico” e “apocalíptico” dos grupos da oposición: “Os galegos non poden recoñecerse nesa Galicia disparatada que vostedes debuxan”.
● “Galicia non está na visión deformada que nos queren trasladar, senón na visión realista dos que cada día traballan coa esperanza de que a Galicia do solpor sexa un pouco mellor que a Galicia na que amenceron”, remarcou.
● Fronte a isto, fixo fincapé en que Galicia ten unha das mellores sanidades do mundo. Referiuse á campaña de “permanente desprestixio” ao que os grupos da oposición a someten, aínda sendo a sétima mellor valorada de España.
● “Sufrimos a mesma falta de especialistas de atención primaria que toda España. Sufrimos a mesma folga de profesionais que toda España. E sufrimos a mesma indolencia da ministra de Sanidade de toda España”, subliñou.
● Nesta liña, instou á oposición a que lle pidan ao Goberno de España que convoquen o MIR extraordinario que solicitan as Comunidades, o aumento das prazas de formación MIR e que se senten a negociar cos profesionais.
● Ratificou o compromiso do Goberno galego con Ourense coas obras de reformas nos hospitais de Ourense e de Verín; a posta en marcha da residencia pública, financiada pola Fundación Amancio Ortega; o Centro de Excelencia en Ciberseguridade; o Cento Integral de Saúde; o IES de Pereiro de Aguiar ou o centro integral do Lume, en Toén.
● E lamentou que Democracia Ourensana predique unha cousa no Parlamento e faga a contraria no concello de Ourense: “Non sei se pedir investimentos nesta Cámara para despois bloquealos na cidade é unha boa estratexia electoral, pero sei que é un pésimo negocio para Ourense”.
● Apuntou, tamén, aos diferentes frontes que ten abertos o PSdeG ao longo do territorio. E mencionou a situación de “caos absoluto” no que se atopan as agrupacións municipais de Santiago de Compostela, Ourense, Barbadás, Lugo e máis de 15 concellos paralizados na provincia de Pontevedra.
● Para Alberto Pazos, “o epicentro da desfeita socialista” é a provincia de Lugo, onde expulsaron ao ex presidente da Deputación do partido e do grupo provincial por “comportamentos indignos”, pero, ao mesmo tempo, o manteñen cos seus votos na Alcaldía de Monforte e lle soben o salario.
● Sinalou a hipocrisía do secretario xeral dos socialistas galegos, ao recordar que, durante o Debate de política xeral, dicía que a igualdade non se negociaba, cando non atende as denuncias de comportamento machistas que lle trasladan empregadas do seu partido.
● Afeou a falta de compromiso do Goberno central coa vivenda en Galicia: “Ducia de cámaras e de fotos, catro roldas de prensa e nin un só euro de fondos estatais propios”.
● O portavoz do Grupo popular aproveitou para salientar “a submisión a Ferraz” do voceiro do PSdeG e o boicot ao avance de Galicia. Así, incidiu no “listado de agravios do Goberno”: o traspaso da AP-9, o “lamentable” estado das estradas e do servizo ferroviario, o bloqueo á creación de 2.500 empregos e ao plan de choque para a dependencia ou á desconexión eléctrica industrial de toda a provincia de Lugo.
● Referiuse á oposición “contumaz e recorrente” do BNG a todos e cada un dos avances que ten experimentado a sociedade galega e puxo como exemplos: Alcoa, a AP-9, o Xacobeo, as casas niño, as casas do maior, as rebaixas fiscais ou a ampliación de Stellantis.
● Dixo que os galegos non comparten “esa permanente obsesión do BNG de debuxar unha Galicia triste, gris e dramaticamente pontoniana“.
● “Estamos acostumados a que nos dean leccións de dependencia xudicial os mesmos que critican as decisión xudiciais; a que falen de respecto á soberanía dos pobos os mesmos que negan a soberanía do pobo venezolano; a que nos dean leccións sobre xenocidio os que bloquean declaracións institucionais condenando o maior xenocidio da historia; e a que nos dean leccións de humanidade os que bloquean unha declaración institucional en defensa das mulleres iranias”, indicou.
● “Contra á guerra estamos todos”, insistiu Pazos, para engadir que “algúns, ademais de dicir non á guerra, tamén, nos atrevemos a dicir si a paz”. Neste punto, fixo referencia á situación en Irán, Gaza, Ucraína e no Sáhara Occidental.
● Criticou o “comportamento desleal” do BNG nos momentos de dificultades, e puxo como exemplo a crise financeira, a pandemia ou os pélets, nos que tentaron manipular á opinión pública.
● Aproveitou para incidir en que, fronte aos grupos da oposición que sementan alarma e espallan enganos, hai sempre un Goberno do PPdeG ao carón dos galegos.
● Para finalizar, puxo en valor o modelo de xestión do presidente Rueda e destacou o récord de emprego industrial, o impulso a unha fiscalidade xusta, a redución da débeda, o aumento do autogoberno, a mellora dos servizos públicos e a modernización da frota e do agro. Asemade, salientou a aposta pola vivenda pública, por máis residencias de maiores e máis escolas infantís, unha educación pública accesible e de calidade, e terapias e tratamentos de vangarda.
● E rematou remarcando a importancia de evitar a polarización e a intolerancia.










