O PPdeG defenderá no Parlamento de Galicia unha iniciativa para reforzar a protección dos dereitos das persoas consumidoras e garantir que ningún cidadán teña que renunciar ás vantaxes da contratación dixital para poder beneficiarse de descontos ou bonificacións recoñecidas legalmente.
A proposición non de lei presentada na Cámara galega parte dunha realidade cada vez máis habitual: empresas e operadores que ofrecen tarifas reducidas a colectivos como persoas maiores, familias numerosas ou persoas con discapacidade, pero que lles esixen acudir presencialmente para acreditar esa condición, impedíndolles completar todo o proceso de compra por internet.
Para o PPdeG, esta práctica supón unha discriminación indirecta e carece de xustificación, xa que existen numerosos exemplos de empresas que permiten aplicar os descontos durante a compra en liña e comprobar posteriormente a documentación no momento de acceder ao servizo.
UNHA MAIOR PROTECCIÓN DOS CONSUMIDORES
Co obxectivo de poñer fin a estas situacións, o Grupo Popular propón que o Parlamento inste á Xunta de Galicia a impulsar catro actuacións.
En primeiro lugar, solicitar ao Goberno de España a modificación da normativa estatal de defensa das persoas consumidoras e da Lei de Familias Numerosas para prohibir expresamente que o acceso ás bonificacións legais quede condicionado á utilización exclusiva da canle presencial.
En segundo lugar, promover unha actuación coordinada co resto das comunidades autónomas nas conferencias sectoriais de Consumo e Servizos Sociais para impulsar unha regulación básica común en todo o Estado.
Ademais, a iniciativa reclama reforzar os mecanismos de inspección, denuncia e sanción da Xunta fronte ás prácticas comerciais que vulneren os dereitos das persoas consumidoras, aplicando a lexislación galega mentres non se aprobe a reforma estatal.
Por último, o PPdeG propón desenvolver campañas de información e sensibilización para que os colectivos afectados coñezan os seus dereitos na contratación dixital e as vías de reclamación e denuncia das que dispoñen, en colaboración coas organizacións de consumidores, entidades do terceiro sector e asociacións representativas.
REUNIÓN CON REPRESENTANTES DE CONSUMIDORES E ENTIDADES SOCIAIS
Co obxectivo de acadar un consenso para a presentación da iniciativa, o deputado popular Jesús María Fernández Rosende, autor da iniciativa, e a voceira de Política Social, Raquel Arias, celebraron unha reunión con representantes de organizacións de consumidores e de entidades sociais de Galicia.
Para os deputados populares a transformación dixital debe servir para facilitar a vida das persoas e non para crear novas barreiras, especialmente, aos colectivos que xa contan cunha protección específica recoñecida pola lei. Por iso, defenden unha regulación que garanta que os dereitos dos consumidores sexan efectivos tamén no ámbito dixital en condicións de igualdade para todos.
Para Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, é preciso combater as prácticas discriminatorias que afectan ás persoas con discapacidade, ás persoas maiores, ás familias numerosas e a outros colectivos beneficiarios de bonificacións, que se ven obrigados a realizar trámites presenciais, agravando así a situación de desigualdade que padecen.
Pola súa banda, o presidente da Asociación Galega de Familias Numerosas, Luis Sánchez, defendeu que a accesibilidade dixital debe ser inclusiva e evitar novas discriminacións. O presidente de Fademga, Eladio Fernández, salientou que esta iniciativa permitirá avanzar na accesibilidade das persoas con discapacidade intelectual. Finalmente, o presidente de CERMI Galicia, Ramón Sestayo, lembrou que este colectivo representa arredor do 10 % da poboación e subliñou a necesidade de garantir que os servizos, as contornas e os produtos sexan accesibles para todas as persoas.













