A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defendeu hoxe a alternativa da nova presidenta do PP de Culleredo, Izaskun García, como a próxima alcaldesa que merece este concello, actualmente gobernado polo PSOE grazas á abstención do BNG, xerando una situación de “incapacidade e perda de oportunidades á veciñanza”. Por este motivo, Prado reivindica a García como a mellor candidata a alcaldía desta localidade. “No PP cremos en mulleres líderes e valentes coma ela, fronte ás leccións de falso feminismo da esquerda”, sinala.
Así o manifestou a número dous dos populares galegos durante unha visita a varios proxectos emprendedores de Culleredo, trala recente elección de García como presidenta do PP desta localidade, xusto ás portas do 8M. Lembrou que o PPdeG é o partido con máis alcaldesas de toda Galicia -31- e nas eleccións municipais de 2027, augurou que Izaskun se sumará a esta lista.
Paula Prado, acompañada pola presidenta do PP de Culleredo e por membros do seu equipo, visitaron a escola infantil Piratas de la ría, dirixida por dúas mulleres, así como as instalacións da construtora Grupo Liñagar, empresa referente que quixo medrar en Culleredo pero, tal e como lembrou a líder do PP local, non puido cumprir os seus plans de crecemento “por falta de xestión municipal”, provocando “perda de emprego e de oportunidades”.
Prado puxo en valor o proxecto de Izaskun García e o seu equipo como “única alternativa viable” neste concello, fronte a partidos como o PSOE e o BNG que “presumen de feminismo e igualdade”, cando, en realidade, son “cómplices” por exemplo do “Pacto Guarro” que mantén a José Tomé na alcaldía de Monforte de Lemos e como deputado provincial en Lugo, “incluso tras coñecer que a Fiscalía se querela contra el por presunto acoso sexual”.
- APOIO AO EMPRENDEMENTO
Pola súa banda, García agradeceu ao PPdeG o “apoio ao liderado feminino, ao emprendemento e a un proxecto claro de futuro para Culleredo”. Na visita realizada á escola infantil dirixida por mulleres emprendedoras, reivindicou a estas mulleres como “o mellor exemplo de liderado feminino real, creación de emprego e aposta pola conciliación”. “Desde a política temos que estar á beira de proxectos como este e facilitar que poidan crecer aquí”, engadiu.
Tamén abordou a necesidade de aprobar un Plan Xeral que permita resolver os problemas de vivenda, atraer empresas e xerar oportunidades para quen quere vivir e traballar en Culleredo, apostando por unha nova etapa de crecemento e decisións para o municipio, baixo o lema “Contigo, Culleredo decide”.
“Decide crecer e decide non resignarse. Porque Culleredo non pode conformarse con ‘ir tirando’, necesita proxecto, planificación e ambición. Necesita un Concello que dea seguridade e axude, non que poña trabas”, engadiu.
O BNG MANIPULA OUTRA VEZ A LINGUA GALEGA
Por outra banda, a secretaria xeral do PPdeG fixo referencia á manifestación convocada pola plataforma ‘Queremos Galego’ este sábado. “É unha manifestación máis do BNG, eses que se agochan tralas pancartas pero que, seguindo as ordes da UPG, son os verdadeiros artífices de intentar xerar algarada”, criticou.
Para os populares, o independentismo galego “manipula a lingua galega” e o único que conseguen “é facer dano ao noso idioma”. Así, tamén afeou ao PSOE que “en vez de axudar, fai seguidismo destes comportamentos”.
“Galicia non merece isto. O idioma galego hai que querelo, pero a protección do idioma non está na algarada nin na conflitividade”, defendeu Prado, animando ao BNG a defender o Pacto da Lingua promovido polo Goberno galego.













