A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, defende a iniciativa dos populares lucenses, con Elena Candia á fronte, como unha “moción de impulso” baseada nun “plan de rescate” para que Lugo saia da “inestabilidade” xerada polo goberno de PSOE e BNG. Así o manifestou durante unha rolda de prensa na sede autonómica do partido, onde defendeu a moción de censura impulsada polos populares no Concello de Lugo, xunto con María Reigosa, co obxectivo de “mellorar a situación da cidade e dos lucenses”.
A número dous dos populares galegos criticou a “hipocrisía sen límite” da esquerda por acusar ao PP de “corrupción política baseada no transfuguismo” dunha concelleira do PSOE, que foi nas listas lideradas por Lara Méndez. No caso do Concello de Noia, cando o PP gobernaba sendo a lista máis votada, BNG e PSOE apoiados por un tránsfuga do PP, accederon á alcaldía.
Ademais, puxo en valor a iniciativa de Elena Candia, que xa confirmou que a súa prioridade é Lugo, fronte a Lara Méndez, a alcaldesa socialista que perdeu as eleccións “e tardou sete meses en deixar a alcaldía para ir ao Parlamento de Galicia”. “Lara Méndez tivo a oportunidade entre elixir entre Lugo e o Parlamento e optou por deixar aos seus veciños. Candia escolle Lugo e aos lucenses, que dentro dun ano valorarán moi positivamente esta moción”, subliñou Prado.
Por outra banda, Prado recordou que o PP de Lugo gañou as eleccións de 2023, quedando a moi poucos votos da maioría absoluta, con 12 concelleiros. Agora contan co apoio dunha concelleira máis, acadando os 13.
Igualmente, criticou que a oposición acuse ao PP de “aproveitarse das desgraciadas mortes acontecidas nas filas socialistas”, cando a realidade é que “os únicos que empregaron isto foron os propios socialistas”. Lembrou que o pasado mes de marzo saíu á luz unha fotografía do alcalde de Lugo e concelleiros do PSOE nunha comida cunha camiseta que puña: “Se o barco afunde, convertémolo en submarino”, coincidindo coa ausencia dunha edil socialista no pleno celebrado ese mesmo día por enfermidade. “Nós si que non imos entrar nese fango”, asegurou Prado.
Tamén lamentou a mobilización do PSOE noutras provincias, como o caso da Coruña: a alcaldesa Inés Rey chamou aos seus militantes a participar na concentrase este venres diante do Concello de Lugo para mostrar o seu rexeitamento á moción de censura, ofrecendo incluso organizar o desprazamento. “A única alcaldesa condenada en Galicia por transfuguismo ofrece autobuses para encher Lugo con militantes de toda a comunidade”, afeou Prado.
Do mesmo xeito, puxo en valor a iniciativa de María Reigosa que “se sente cómoda” traballando co PP de Lugo para favorecer os intereses da veciñanza. Fixo fincapé nas acusacións da oposición polo posible acceso dunha praza de funcionaria “a medida” para Reigosa, recordando que a propia edil dixo que non se presentaría e que, en todo caso, estaría no seu dereito, sen que concorra ningunha ilegalidade.
A secretaria xeral do PPdeG destacou o plan de acción de 45 medidas do PP de Lugo para reverter a situación da cidade. Entre as iniciativas, atópanse a creación dunhas 350 prazas de aparcamento, o Plan de rehabilitación para a zona norte e a eliminación de tramos de carril bici, entre outras.
DEFENSA DUN MODELO DE XESTIÓN DAS BAIXAS LABORAIS
Na rolda de prensa a Paula Prado tamén abordou a recente medida impulsada polo Goberno galego para abordar un plan contra o absentismo laboral. “É unha decisión difícil, pero un Goberno responsable debe afrontar os problemas do seu pobo e é evidente que neste campo existe un problema”, sinalou.
Deixou claro que as baixas laborais “son un dereito de todos os traballadores”, e o traballo do Goberno do presidente Alfonso Rueda está a traballar nunha xestión e control das incapacidades máis eficiente. “É evidente que hai que atallar esta situación, mentres a oposición tenta botar abaixo o traballo de quen se preocupa polos galegos”, dixo.
Así, amosou cifras relevantes como que a peche de marzo se revisaron máis de 126.000 procesos de baixa laboral que deu como resultado a alta de 30.100 persoas. Ademais, a afectación das baixas situase en Galicia por riba dos 2.200 M€. Cada día non van a traballar ao redor de 70.000 persoas na nosa comunidade.
“O absentismo laboral é unha realidade con notables consecuencias sociais e severo impacto na produtividade. Abordalo, polo tanto, require rigor e tamén a responsabilidade de todos, incluíndo tamén a propia administración do Estado”, puntualizou.
Fixo referencia a que o problema das baixas laborais tamén afecta ao Goberno central, criticando que “non é capaz de poñerse de acordo nin entre ministerios”. Afeou as declaracións de Yolanda Díaz, que antes de coñecer o plan do Goberno galego xa asegurou que Galicia “está a invadir competencias” e as palabras do secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez, que falou de que “se están perseguindo a traballadores enfermos”. En contraposición, o PPdeG “está ao carón da xente”.












