O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reuniuse hoxe na Delegación do Goberno co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, nun encontro no que analizaron o alcance do anteproxecto de modificación do Regulamento Xeral de Costas e a situación económica derivada da guerra en Oriente Medio.
Durante a reunión, Pedro Blanco explicou que a modificación impulsada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico responde á necesidade de cumprir coa normativa europea e evitar sancións ao Estado. Así, lembrou que o anteproxecto “en absoluto impide que se outorguen concesións no dominio público marítimo-terrestre, senón que regula o procedemento para garantir a concorrencia competitiva, tal e como esixe a Comisión Europea”. Ademais, no caso do sector mar-industria, explicou que a proposta non reduce os prazos das concesións vixentes, senón que prevé amplialos ata 75 anos para os cultivos mariños, fronte aos 50 anos establecidos na normativa de 2014.
O delegado subliñou que o texto está actualmente en fase de información pública ata o 1 de abril, co obxectivo de que cidadanía, organizacións e entidades poidan presentar as súas achegas. Neste sentido, insistiu en que o Goberno está a actuar con “transparencia, diálogo e respecto ás competencias”, buscando ao mesmo tempo protexer o litoral e garantir seguridade xurídica ás empresas.
Así mesmo, lembrou que a pesar de que desde o 1 de xullo de 2025 a Xunta de Galicia é competente para outorgar concesións de ocupación do dominio público marítimo-terrestre, ata o momento non concedeu ningún título de ocupación para o sector mar-industria “que di defender”. Neste contexto, Pedro Blanco apelou á responsabilidade institucional e pediu “rigor e menos confrontación gratuíta por parte da Xunta”, advertindo de que o ruído político “non protexe o litoral, non achega seguridade xurídica nin evita sancións”.
“O que necesitamos é colaboración entre administracións para garantir o futuro do noso litoral e do tecido produtivo que depende del”, sinalou o delegado, quen reiterou que o Ministerio analizará todas as achegas que se presenten durante o período de información pública e “se a Xunta ten algunha observación seria, legal e construtiva, será tida en conta”.
Guerra en Oriente Medio
Durante o encontro tamén abordaron a situación internacional derivada da guerra en Oriente Medio. Pedro Blanco explicou que o Goberno está a analizar a evolución do conflito e o seu posible impacto económico, co obxectivo de valorar as medidas que poidan ser necesarias para protexer o tecido produtivo.
Neste sentido, lembrou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xa avanzou que o Goberno activará as axudas que sexan necesarias para protexer ás familias, ás empresas e aos traballadores, como xa se fixo durante a pandemia, a crise enerxética ou a subida de prezos derivada da guerra en Ucraína.
O delegado trasladou ao presidente da CEG que as empresas galegas contan co Goberno de España como o seu mellor aliado e reafirmou o compromiso do Goberno de responder ás consecuencias desta situación internacional e protexer á maioría social e aos sectores estratéxicos do tecido produtivo galego.













