O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor en Pontevedra a acción do Goberno de Pedro Sánchez para garantir o dereito á vivenda en Galicia, destacando o esforzo inversor “sen precedentes” que se está a realizar para dar resposta á crise habitacional. Fíxoo durante a visita á promoción de 74 vivendas públicas que se executan no barrio de Valdecorvos co apoio do Goberno a través dunha transferencia á Xunta de Galicia de 3,8 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación.
Durante a visita, na que estivo acompañado polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, e por membros da Corporación Municipal, Pedro Blanco subliñou que “o Goberno de España é sensible coa realidade e, a pesar de non ter as competencias, como se exemplifica en Pontevedra, está a financiar unha parte importante dos programas de vivenda que desenvolve a Xunta en Galicia”. Nesta liña, incidiu en que actuacións como a de Valdecorvos demostran o compromiso do Goberno coa colaboración institucional en materia de vivenda “tanto coa Xunta como cos concellos, que son os que mellor coñecen o territorio”.
O delegado lembrou que a cidade de Pontevedra conta con case 2.000 demandantes de vivenda pública rexistrados, cifra que se eleva a preto de 15.000 na provincia, “case a metade do total de Galicia”. Neste contexto, advertiu de que a última promoción de vivenda pública na cidade se entregou en 2015 e que, desde entón, non se desenvolveron novas actuacións deste tipo ata o impulso das vivendas de Valdecorvos.
Por iso, destacou que “o esforzo inversor do Goberno permite agora avanzar na construción destas 74 vivendas, co obxectivo de “ofrecerlle un fogar á xente que o necesita e contribuír a paliar o problema de acceso á vivenda”, dixo, ao tempo que amosou a súa confianza en que as obras poidan rematar “moi pronto” para dar resposta a este desafío.
O delegado incidiu no compromiso do Goberno coa vivenda en Galicia, con máis de 530 millóns de euros investidos en políticas de vivenda nos últimos anos. Esta aposta permite a construción de 1.406 vivendas públicas e a rehabilitación de máis de 18.000 en toda a comunidade, ademais do impulso de axudas para os mozos, o aluguer ou o rural.
Na provincia de Pontevedra, concretou, este esforzo tradúcese en 26 millóns de euros para impulsar 1.650 vivendas, mentres que na cidade se destinan 4,6 millóns para actuacións que inclúen a construción destas 74 vivendas e a rehabilitación doutras 75.
“Traballamos sen descanso para ofrecer un fogar á xente que o necesita”, afirmou Pedro Blanco, quen reiterou que “Pontevedra sabe que conta con este Goberno para dar resposta ás súas necesidades”. “Imos seguir investindo máis, construíndo máis e impulsando proxectos esquecidos para que Pontevedra teña o mellor presente e o mellor futuro”, concluíu o delegado.












