O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Servizos Urbanos Básicos xestionada por Xaquín Moreda, vén de rematar a execución dunha ampla campaña de renovación e mantemento do mobiliario urbano da cidade. Esta intervención, centrada especificamente na mellora de bancos e papeleiras ao seren dos elementos máis empregados no día a día, responde á directriz marcada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, de priorizar o mantemento dos espazos públicos como unha acción estratéxica de goberno e un eixo fundamental do mandato.
O plan actual abarca a mellora dun total de 548 elementos distribuídos por distintos barrios. Interviuse sobre 282 papeleiras: substituíronse 202 unidades antigas polo novo modelo ‘Diana’ de 80 litros e reacondicionáronse en profundidade outras 80 xa existentes. Este arranxo consistiu no lixado da pintura, o repintado, a substitución de pezas deterioradas e a instalación dunha nova chapa protectora nas bases. As papeleiras instaláronse agrupadas por zonas para garantir a uniformidade estética e evitar diferenzas nas tonalidades. As unidades novas e as restauradas repártense por áreas como Campolongo (con 46 novas), centro-cidade (39 novas), Monte Porreiro (43 novas e 18 restauradas), As Palmeiras (29 novas), A Parda (41 restauradas) ou Loureiro Crespo – Valdecorvos (11 novas e 25 restauradas).
Paralelamente, a actuación comprendeu a instalación ou restauración de 266 bancos en dúas medidas: 244 do modelo estándar de 180 cm e 22 de gran formato de 300 cm. O proceso de restauración nestes asentos consistiu no lixado e pintado das patas, o reforzo da estabilidade coa instalación dunha chapa intermedia de unión, nova tornillería e novos listóns de madeira tanto no asento como no respaldo.
Estes asentos concéntranse agora en zonas como As Palmeiras (47 novos e 6 restaurados), o Estadio da Xuventude – Tafisa (27 novos), centro cidade (23 novos e 2 restaurados), Loureiro Crespo – Valdecorvos (6 novos e 29 restaurados) ou Eduardo Pondal (13 novos e 13 restaurados), ademais doutras intervencións na Parda, a Alameda, Arcebispo Malvar e a Pasarela de Doce de novembro.
O valor do traballo silencioso
Sobre esta actuación, o concelleiro Xaquín Moreda destacou a súa grande importancia, considerádoa un “traballo silencioso, constante e ás veces pouco visible mentres se executa, pero que é grandemente recoñecido pola cidadanía cando percibe o bo estado dos espazos públicos”. Neste sentido, Moreda recalcou a visión do goberno municipal afirmando que “o coidado do mobiliario municipal non é só unha cuestión estética, senón de calidade de vida e benestar para a veciñanza”.
Esta gran intervención súmase ao labor de revisión e mantemento que a Concellaría leva facendo de xeito ininterrompido por toda a cidade e que ten que continuar por outros elementos que aínda non se melloraron. Como exemplos recentes deste traballo de base, destacan actuacións como a revisión exhaustiva das papeleiras do centro histórico, que tamén pasaron polo taller para ser reparadas, ou o reacondicionamento dos bancos en espazos moi empregados como o parque de Amalia Álvarez ou na rúa Bacelar.
Para finalizar, o Goberno local quere facer un chamamento a todas as persoas para solicitar a súa colaboración no coidado e no respecto destes elementos renovados, lembrando que a conservación en bo estado do espazo público é unha responsabilidade compartida.













