O pleno municipal aprobou —cos votos favorables de Rianxo en Común, Partido Popular e BNG— o proxecto co que Concello de Rianxo concorrerá ao POS+ Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña.
A actuación conta cun orzamento de 227.360,21 euros e permitirá a renovación integral do firme do paseo marítimo que conecta Rinlo coa praia do Pazo, un dos espazos máis transitados tanto por veciñanza como por visitantes.
Segundo recolle o proxecto técnico, retirarase o actual pavimento de lousas para substituílo por unha nova base de formigón pulido roloteado, unha solución que incrementa a seguridade dos peóns e mellora a sustentabilidade e o mantemento a longo prazo.
Dende o goberno local, o alcalde Julián Bustelo, destaca que esta intervención supón unha mellora significativa da accesibilidade e da calidade urbana do paseo marítimo, ao tempo que reforza a posta en valor dun enclave clave do litoral rianxeiro.











