O delegado do Goberno en Galicia participou en Santiago no Congreso Saúde Cardíaca na Eurorrexión, onde destacou a cooperación entre Galicia e Portugal e a importancia da prevención para vivir máis e mellor
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, defendeu o impulso da investigación científica e o fortalecemento da sanidade pública como elementos fundamentais para mellorar a saúde da poboación. Fíxoo durante a súa participación no Congreso Saúde Cardíaca na Eurorrexión: Melloras para vivir 100 anos, celebrado este 19 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
Na súa intervención, Blanco felicitou os doutores José Ramón González Juanatey e Ricardo Fontes-Carvalho por impulsar esta iniciativa, así como á Universidade de Santiago de Compostela e ás institucións, organismos e entidades participantes no encontro europeo.
O delegado destacou o valor da cooperación entre Galicia e Portugal, tanto pola proximidade xeográfica como polos vínculos culturais e sociais que unen ambos territorios. Neste sentido, subliñou que «cando falamos de saúde non existen fronteiras».
As enfermidades cardiovasculares, un dos grandes retos sanitarios de Galicia
Pedro Blanco sinalou que un dos principais desafíos actuais da medicina consiste en conseguir que a poboación viva máis anos e, ao mesmo tempo, con mellor calidade de vida.
Para avanzar neste obxectivo, considerou fundamental promover hábitos de vida saudables e reforzar a prevención das enfermidades cardiovasculares.
O delegado lembrou que estas patoloxías continúan sendo a primeira causa de morte en Galicia, un dato que, segundo indicou, evidencia a necesidade de abordar este problema desde unha perspectiva integral.
A prevención, a investigación e a colaboración entre os profesionais sanitarios e as institucións son algunhas das ferramentas para reducir o impacto destas enfermidades.
Pedro Blanco pide máis recursos para a sanidade pública
Durante o congreso, o delegado do Goberno tamén insistiu na necesidade de continuar fortalecendo o Sistema Nacional de Saúde e mellorar os servizos públicos sanitarios.
Blanco defendeu que os profesionais deben contar con máis recursos para desenvolver o seu traballo e incorporar os avances científicos e médicos á atención dos pacientes.
«Temos que seguir mellorando os nosos servizos públicos, e dotando aos profesionais de máis recursos porque cada avance é unha vida, unha oportunidade de seguir compartindo tempo», sostivo.
A súa intervención enmárcase nun encontro europeo que busca impulsar a cooperación científica e sanitaria entre Galicia e Portugal, con especial atención á saúde cardiovascular, á prevención e aos avances médicos que permitan mellorar a esperanza e a calidade de vida.










