A banda de Muros recibe o galardón ao Artista do Ano, mentres que a Fundación Paideia é recoñecida polo seu apoio ao talento emerxente galego; o público volve elixir o festival Surfing The Lérez.
Os The Rapants, a Fundación Paideia e o festival Surfing The Lérez son os primeiros protagonistas da segunda edición dos Premios PALCO 2026, os Premios da Industria Musical de Galicia. A Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) anunciou os tres recoñecementos, que distinguen o traballo artístico, o impulso ao talento emerxente e a experiencia do público na música galega.
A gala de entrega dos galardóns celebrarase o martes 3 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela, onde tamén se darán a coñecer os gañadores das restantes categorías.
The Rapants, Artista do Ano 2026
A banda de Muros foi elixida Artista do Ano pola súa capacidade para conectar co público e polo seu papel nunha escena musical galega cada vez máis contemporánea e dinámica.
Un dos fitos destacados pola organización é a creación de The Rapants Club, un proxecto que transcende o formato dun disco ou dun concerto para construír unha comunidade arredor da banda. A súa capacidade de convocatoria quedou patente ao encher o Multiusos Fontes do Sar cunha proposta propia, nacida en Galicia e especialmente conectada coas novas xeracións.
Para AGEM, este recoñecemento pon en valor a forza dos artistas galegos para mobilizar milleiros de persoas, crear referentes propios e ocupar espazos tradicionalmente vinculados a grandes nomes da música estatal e internacional.
A Fundación Paideia, Persoa do Ano 2026
A Fundación Paideia recibe o Premio á Persoa do Ano 2026 polo seu compromiso coa industria musical galega e polo labor de acompañamento, formación e profesionalización que desenvolve con artistas e proxectos emerxentes.
A entidade traballa para ofrecer ferramentas e oportunidades a persoas que comezan a súa traxectoria no sector, contribuíndo a que poidan desenvolver as súas capacidades, gañar visibilidade e consolidar os seus proxectos.
A decisión de AGEM recoñece así a importancia do traballo continuado das entidades que impulsan o talento musical máis alá dos escenarios e favorecen unha industria galega máis sólida, preparada e sostible.
O Surfing The Lérez gaña por segundo ano consecutivo
O público escolleu o Surfing The Lérez como gañador do Premio á Excelencia na Experiencia do Público 2026. O festival pontevedrés repite o recoñecemento que xa conseguira na edición anterior.
A votación popular rematou o 27 de outubro ás 23.59 horas. Entre os proxectos que tamén recibiron apoio figuraron Gulliver Fest e Osa do Mar.
Esta categoría distingue festivais, concertos, salas e outras iniciativas que destacan pola organización, a accesibilidade, os servizos, o ambiente e a atención ás persoas asistentes.
42 finalistas en 14 categorías dos Premios PALCO
Ademais dos tres premios xa anunciados, os Premios PALCO 2026 contan con 42 proxectos finalistas repartidos en 14 categorías xerais, seleccionados por un xurado profesional integrado por representantes das asociacións AGEM, AGATEC, TESGAL, AGPXC e CLUBTURA, xunto con persoas gañadoras da edición anterior.
Entre as candidaturas figuran profesionais, artistas, empresas e proxectos vinculados á produción musical, á iluminación, ao son, á comunicación, á identidade visual e á sustentabilidade.
Lista de finalistas dos Premios PALCO 2026
- Mellor deseño de iluminación: Álvaro Moreno (The Rapants); Gabriel Alvarado (Treixadura); Laura Iturralde e José Faro (Gala i Ovidio).
- Mellor implementación de son: Nerea Bello (Bala); Ricardo Barroso (The Rapants); Rubén Montes (Carlos Ares).
- Mellor produción de servizos: Emsac; Global Setup; Kachet.
- Mellor profesional de produción: Adela Otero; María Galdón; Olalla Camaño.
- Mellor manager: Aitana Cuétara (Luneda); Álvaro Creo (Off Stage); Alberto Lora e Carles Montalt (Galunk).
- Mellor produción discográfica: Dani Cornes e Crnds (Aquí sempre tes casa, Dani Cornes); Iago Pico, Gabi Fernández e Tanxugueiras (O Cuarto, Tanxugueiras); Xoel López e Adrián Seijas (Oniria Popular, Xoel López).
- Mellor posta en escena: As dúas e punto (Tertúlia, Fillas de Cassandra); Laura Iturralde e José Faro (Gala i Ovidio); The Rapants crew (Rapants Club).
- Mellor promotor ou programador: Alberto Alfonso (Art Music Agency); David Pedrouzo (Todomedre); Suso Santamaría e Iván Viturro (A Pousada da Galiza Imaxinaria).
- Mellor proxecto de comunicación: EmigraSON; Lucía Pita (Tertúlia, Fillas de Cassandra); PortAmérica.
- Mellor identidade visual: Julia Salgado Barca, Mar Suárez e Agustina Shuan (Anfibia por veces, Antía Muíño); Melania Freire (De Ninghures); Zeltia Iglesias (Mondra).
- Mellor videoclip: Daniel Pérez, El Membrillo (subir subir, Karmento e Mondra con El Nido); Daniela Rey Faraldo (Simplemente, Candela Liste); Juan Barbazán, Sergio Goce e Manuel Seoane (Non sei como, The Rapants).
- Mellor evento cultural ou musical: AC Fanto Fantini – Osa do Mar; PortAmérica; Resurrection Fest.
- Mellor espazo musical: A Cofradía Taberna Cultural; Mardi Gras; Sala Rebullón.
- Mellor proxecto de sustentabilidade: Arteficial; PortAmérica; Sinsal.
Santiago acollerá a gala o 3 de novembro
A Sala Capitol de Santiago de Compostela será o escenario da entrega dos Premios PALCO o martes 3 de novembro. A cita reunirá profesionais e representantes da industria musical galega e servirá para anunciar os gañadores das categorías que aínda están pendentes.
Impulsados por AGEM e a Xunta de Galicia, co apoio da Deputación da Coruña, os galardóns buscan dar visibilidade ás traxectorias, iniciativas e proxectos que contribúen á creatividade, á innovación, ao respecto e á sustentabilidade no sector musical galego.










