Un condutor resultou ferido e tivo que ser liberado tras sufrir un accidente na madrugada deste luns en Rábade. O vehículo que pilotaba bateu contra un piar da autovía A-6, situado nunha rotonda inferior que pertence á estrada LU-541, quedando a vítima atrapada no interior do habitáculo.
O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 02:20 horas a través dun aviso da Garda Civil de Tráfico. De inmediato, desde a sala de operacións mobilizouse un dispositivo de auxilio no que se informou ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Vilalba.
Unha vez no lugar do accidente, os equipos de emerxencia tiveron que empregar o material de excarceración para liberar ao ferido do interior do coche. Tras ser rescatado, o persoal sanitario encargouse de trasladar ao condutor ao centro hospitalario de referencia.













