O viceportavoz segundo do BNG no Parlamento, Luís Bará, deu conta dun informe no que se recollen máis de 40 anuncios incumpridos polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se corresponden cos debates de política xeral de outubro de 2023, e abril de 2025 e co discurso de investidura de abril de 2024. Un balance“absolutamente demoledor” que “pon evidencia o carácter propagandístico destes discursos a falta de proxecto político e a preguiza dun goberno instalado no autobombo e no conformismo”, asegura.
A poucos días de celebrarse o debate do Estado da Nación, o BNG quere poñer sobre a mesa as máis de de 40 medidas que, ou foron anunciadas repetidamente e non chegaron a poñerse en práctica, ou que se incumpriron en previsión de prazos e cifras. “Máis alá do o típico bono que se repite ano tras ano como o coello sacado da chisteira, a realidade é que hai até 45 medidas anunciadas polo presidente da Xunta que quedaron no papel”, recalca Bará.
Unha parte destes incumprimentos corresponden a iniciativas que xa foran anunciadas por Feijó antes de 2022, como por exemplo, no apartado de Economía e Industria, o anuncio dun fondo público que contaría cun capital inicial de 300 millóns de euros que Rueda anunciou no debate de Política Xeral en outubro de 2023, do que aseguraba que só o dez por cento dese fondo “provirá das arcas autonómicas,” e que o resto viría de investidores privados que “apostan decididamente por Galicia”, onde o 80% do fondo se debería destinar a “proxectos estratéxicos executados en Galicia”. O presidente da Xunta afirmaba que o fondo, que cualificaba como “iniciativa pioneira en España” botaría a andar nas vindeiras semanas, mais, tal e como apunta Bará, “nunca chegou a concretarse”.
No discurso de Investidura en abril de 2024, Rueda volvía anunciar a creación dun fondo público-privado cun capital inicial de 300 millóns de euros “para dar impulso e financiamento ás iniciativas empresariais máis prometedoras desde o punto de vista da creación de postos de traballo e de consolidación de vías industriais”. Tampouco chegou a concretarse.
Nese mesmo discurso, o presidente da Xunta amosaba a súa intención de acadar un pacto pola industria e a enerxía, para o que pedía a todos os partidos que fixesen as súas propostas en materia económica e así poñerse de acordo. Segundo afirma o viceportavoz do BNG, “nunca chegou a convocar os grupos”.
No informe elaborado polo BNG tamén se recollen anuncios incumpridos en materia de servizos públicos, como o explicitado en outubro de 2023 durante o debate de Política Xeral, no que o xefe do Executivo galego prometía a “xeneralización de psicólogos clínicos” nos centros de saúde. “Foron anunciando a contratación de profesionais e incumprindo os anuncios”, asegura Bará, subliñando que tampouco se cumpriu co anuncio no mesmo debate da inauguración en 2024 do primeiro centro de coidados intermedios público en España.
En materia eduativa, o presidente de Xunta arrincaba a lexislatura en abril de 2024 afirmando que se poría xa a disposición dos fogares “unha medida pioneira: axudas para que as nenas e os nenos vaian a actividades extraescolares e a clases de reforzo”. Pero, tal e como recorda o deputado nacionalista, esas axudas “non existen”.
Outro dos anuncios máis repetidos do Goberno galego ten que ver coa construción de vivenda. En outubro de 2023, Rueda proclamaba que “a partir do ano 2024 unha porcentaxe mínima, que se establecerá nos primeiros meses do ano nas edificacións públicas que promova a Xunta, terá que ter a súa estrutura en madeira”. O deputado do BNG lembra a este respecto que existe un acordo parlamentar unánime que propón o 20% que a Xunta non cumpre, sobre todo na vivenda pública.
Unha das “grandes prioridades” no discurso de Investidura de Alfonso Rueda en abril do 24 volvía ser a vivenda, prometendo que facilitaría que “todas as persoas, con independencia da súa situación persoal, xeográfica ou laboral, poidesen acceder a unha vivenda”.
Máis recentemente, en abril de 2025, a Xunta apostaba por duplicar o parque público de vivendas, coa fin de pasar de 4.000 a 8.000 nesta lexislatura mentres Rueda aunciaba que xa tiñan 2.000 en marcha. Bará contrapón que o número de vivendas públicas cualificadas en 2024 e 2025 non chegan a 300 e que o número de persoas demandantes de vivenda pública en marzo de 2026 é de máis de 30.000.
No ano dos maiores incendios da historia de Galiza, o BNG tamén quere poñer o foco nos anuncios incumpridos no ámbito do medio rural. Así, no informe, recóllese que en outubro de 2023, Rueda aseguraba que a Xunta seguiría “fortalecendo o noso sistema de protección de lumes”, con dúas novas leis, a da loitra contra os incendios e a que regularía os montes veciñais en mancomún. Pero, como sinala Luís Bará, “ningunha das dúas está aprobada”, é máis, a da loita integral contra os incendios foi “paralizárona en 2023”, recalca.
En abril de 2025, o presidente da Xunta tamén anunciaba a posta en marcha dunha rede de centros de innovación agroalimentaria no medio rural, que non crearon, mentres están desmantelando os centros de investigación que xa hai como Mabegondo ou Lourizán, advirte Bará.
Outro eixo de estudo para o BNG foron as políticas de Igualda. de, resaltando un anuncio da Xunta en 2023 dun plan para a formación e contratación de mulleres en sectores aínda moi masculinizados e que, dous anos e medio despois, en febreiro de 2026, a conselleira de Política Social, Fabiola García, avanzaba que esa estratexia de emprego feminino “se aprobaría nos vindeiros meses”.
Un plan estratéxico para o turismo rural, ou a creación dun circuito de difusión da cultura popular galega (a Rede Adival), ambos anunciados no debate de Política Xeral de 2023, seguen sen crearse, como tampouco se abriron novas oficinas especializadas na orientación xuvenil anunciadas no discurso de Investidura en abril de 2024 nin se desenvolveu unha nova lei de ciencia e innovación.
Con este informe, o BNG pon de relevo a “falta de credibilidade de Rueda e a falta de iniciativa dun goberno que se sente cómodo na confrontación, que paraliza e ralentiza moitos dos seus compromisos, mentres pon a máquina a tope cando se trata de favorecer os intereses das grandes empresas interesadas na depredación dos recursos do noso País”, conclúe Bará













