A CIG-Ensino lamenta que se perdera unha nova oportunidade para «recuperar os dereitos que nos roubaron, as 21 horas en primaria e as 18 en secundaria e outras ensinanzas, e que mesmo se empeore respecto á situación actual na dedicación horaria de moitas coordinacións e das xefaturas de departamento», tal e como sinalou a súa secretaria nacional, Laura Arroxo ao remate da Mesa Sectorial na que se analizou o texto da Resolución pola que se ditan instrucións sobre a xornada semanal do persoal docente no curso académico 2026/2027. «En todo caso, calquera mellora ten que ir acompañada de aumento de profesorado, para que sexa real e efectiva, e que non ocorra o que supuxo a redución horaria no corpo de mestras que trouxo unha merma da calidade da atención educativa sobre todo do alumnado máis vulnerábel. Por iso pedimos uns criterios claros para o estabelecemento dos cupos dos centros de secundaria, bacharelato e FP que se conforman durante o mes de xullo e se materializan en setembro. Ao inicio de curso saberemos se é certo que se cumpre o que di o documento porque a rebaixa ás 18 horas tería que supoñer un incremento de persoal en case todos os centros e a CIG-Ensino fará un seguimento moi exhaustivo de que isto sexa así», comentou.
Arroxo comezara a súa intervención na Mesa lamentando que este documento fora presentado como «pechado» ante os medios de comunicación e mesmo ante os equipos directivos das catro provincias antes desta reunión. «Unha verdadeira Mesa de negociación comezaría hoxe, ben sobre este documento ou sobre outra nova proposta, e incorporaría algunha das centos de achegas que nos fixo chegar o profesorado. A CIG-Ensino pediu expresamente continuar con esta negociación e convocar outra reunión para avanzar neste documento. A Consellaría non confirmou que convocaría outra mesa sectorial e simplemente dixo que analizaría algunha das cuestións que plantexamos. Isto demostra que o presidente Rueda mentiu deliberadamente ao acusar á CIG de non querer negociar, engadiu.
As grandes ausencias do documento
Na intervención da CIG-Ensino durante a negociación tamén se destacou que este documento non teña vocación de permanencia e se presente só para o vindeiro curso académico. Ademais salientouse todo o que se bota en falta a respecto das reclamacións da comunidade educativa e do profesorado que levaron a que este fora o curso máis conflitivo das últimas décadas con seis xornadas de folga docentes, o maior número de días de todo o Estado no que vai de curso. Neste sentido, o sindicato sinalou como elementos fundamentais que deben ser abordados:
- – Baixada de ratios no primeiro curso de todas as etapas a partir de setembro deste ano e non agardar a que estas se vaian acomodando á demografía.
- – Sobre os anuncios relativos á maior dotación de persoal para atender á diversidade, de novo antes na prensa que na Mesa de negociación, concreción sobre o número de especialistas e de persoal orientador que se incorporaría ao ensino público e garantía de estabilidade coa convocatoria destas prazas como definitivas nos centros no Concurso Xeral de Traslados.
- – Sobre o anuncio de que se prevén actualizar os catálogos dos centros de infantil e primaria do ano 2007 para setembro do curso que vén, algo totalmente imposíbel ao estar xa a mediados de maio, iniciación canto antes das negociacións nesta Mesa Sectorial.
- – Plan real de redución da burocracia que inclúa medidas concretas que eliminen trámites á marxe de anuncios propagandísticos e de investimentos millonarios en plataformas informáticas.
- – Redución do horario lectivo para maiores de 55 anos contemplada na LOE e aplicada xa en moitas comunidades.
- – Novo acordo retributivo cun incremento do complemento autonómico para todo o profesorado.
- – Recuperación do cobro do pagamento do verán para o persoal substituto que traballe cando menos 5 meses e medio.
- – Fin da discriminación salarial do profesorado especialista de sectores singulares da FP.













