O concelleiro de Servizos, José Tomé, avanzou que a empresa encargada do mantemento dos espazos verdes da cidade iniciou xa os traballos de mellora no parque Pablo Iglesias, unha actuación dirixida a reforzar a seguridade, accesibilidade e conservación deste espazo público.
Entre as primeiras actuacións previstas atópase a reparación ou substitución dos canlóns de recollida de augas pluviais que se atopan deteriorados ou carecen de reixas de cubrición, co obxectivo de evitar riscos para os viandantes e mellorar a drenaxe do parque.
Unha vez rematada esta intervención, procederase á revisión integral do sistema de rega, incluíndo a reposición das pezas e elementos que presenten danos ou deficiencias no seu funcionamento.
Ademais, o proxecto contempla a mellora dos camiños interiores, especialmente o paseo dos salgueiros e os accesos á zona infantil. Estes traballos incluirán a reposición do xabre, o nivelado das superficies e a súa estabilización para garantir un tránsito máis cómodo e seguro.
As actuacións completaranse coa plantación de novas especies arbóreas e labores de acondicionamento xeral do parque, co fin de seguir avanzando na conservación e posta en valor dos espazos verdes da cidade.
Con estas actuacións o Goberno local cumpre coas demandas dos veciños e aposta por elevar a calidade deste importante espazo verde da cidade.
TRABALLOS MELLORA AVENIDA NICASIO PÉREZ
Tomé revelou tamén que a empresa encargada do mantemento viario actuou na avenida Nicasio Pérez, onde levou a cabo o pintado do noiro e o vernizado dos bancos, contribuíndo así a mellorar a imaxe e o estado deste espazo público.













