O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, reivindica Galicia como «illa de normalidade» fronte ao «disparate, a loucura e as noticias que nos fan baixar a cabeza», augurando que o Goberno de Sánchez «remate canto antes», tralos casos de corrupción que acurralan ao Executivo. Para o cambio, espera que os galegos e galegas lle dean o mellor resultado nas urnas ao próximo presidente de España, o líder do PP nacional, Alberto Núñez Feijóo, a quen o país, dixo «necesita máis que nunca».
Así o manifestou esta mañá ante os 4.500 asistentes á tradicional Romaría Popular do Pino, na Área Recreativa da Magdalena deste concello coruñés. Alí animou aos galegos e galegas a «non fallarlle» a Alberto Núñez Feijóo, de quen destacou a súa «dignidade e resistencia, construíndo un partido que gaña todas as eleccións». Ademais, lembrou os beneficios de que España teña un presidente galego, fronte a situación actual coa que «non hai ninguén ao temón, nin un presidente nin un ministro co que se poida falar e debater das cousas que importan a Galicia». Para o presidente do PPdeG, a solución pasa polo cambio, con Alberto Núñez á fronte do Executivo central, «porque España necesita limpeza, decencia, dirección e sentidiño».
GALICIA, LUGAR CONFIABLE PARA OS INVERSORES ESTRANXEIROS
Durante a súa intervención, quixo agradecer o apoio recibido para «seguir facendo a Galicia do si, onde os servizos funcionan». Fixo referencia á sanidade pública pioneira, ao impulso sen precedentes na construción de vivenda, á educación gratuíta dende a escola infantil ata a universidade ou a captación de inversións estranxeiras. Neste último punto, agradeceu ao alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, a súa complicidade para que o xigante chino SAIC elixise Galicia para levantar a súa primeira fábrica europea de automóbiles eléctricos. «Todo isto é posible porque ven Galicia como un lugar confiable», subliñou Rueda.
Pola contra, lamentou que «os do non», o BNG, «sigan facendo o de sempre, opoñéndose a todo por sistema e pretendendo que Galicia sexa unha terra sombría». Mentres, o PPdeG, dixo, «seguirá impulsando a Galicia Calidade, que avanza con sentidiño, humildade e sen faltar ao respecto, pero sendo firmes nas conviccións». Así, puxo en valor o modelo da Galicia que goberna, «que abre os brazos ao mundo, que recibe e que comparte camiño en vésperas do Xacobeo 2027».
Tamén desexou que para a próxima Romaría do Pino, haxa entre os asistentes un alcalde de A Coruña, outro de Ferrol e outro de Santiago. «Os nosos candidatos ás alcaldías son candidatos de goberno e van facer todo o posible para que nos sintamos orgullosos», subliñou.
«O QUE É DE TODOS, DEBÁTESE ENTRE TODOS»
O líder dos populares galegos tamén se referiu a necesidade dunha reforma do financiamento autonómico que conte coas Comunidades, lembrando a postura firme de Galicia de que «os recursos que son de todos, repártanse e debátense entre todos», tal e como manifestou recentemente nunha visita a Cataluña. Rueda insiste en que «Galicia non quere quitarlle nada a ninguén, pero a Galicia ninguén lle vai quitar nada», reiterando que non participará en reunións bilaterais do modelo de financiamento e esixindo un trato equitativo para a nosa Comunidade.
DIEGO CALVO: «SOMOS O MODELO DO ESFORZO E A HONESTIDADE»
Pola súa banda, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, cualificou esta romaría como unha demostración de forza, de unidade e de que o Partido Popular está vivo, mobilizado, preparado e activado».
Dirixíndose aos 4.500 asistentes, agradeceu o labor de todas as persoas que «dedican horas e horas da súa vida para mellorar os seus municipios sen pedir nada a cambio».
Ademais, puxo en valor o modelo dos alcaldes do PPdeG, como un modelo de «esforzo, traballo, xestión, proximidade e honestidade». Pola contra, lamentou a existencia doutro modelo, «o de quen converteu a política nunha sucesión permanente de escándalos, escusas e xustificacións». Neste sentido, criticou o deterioro institucional «nunca visto, provocado polo PSOE».
Calvo concluíu asegurando que o PPdeG está «disposto a volver gañar a confianza dos galegos e galegas» e, en clave nacional, asegurou que «Alberto Núñez Feijóo será o próximo presidente, o que merece España».













