A deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez; reuniuse coa alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, e o primeiro tenente de alcaldesa, Juan Fariña, para avaliar o proceso de redacción do proxecto para mellorar a seguridade viaria no punto negro da estrada DP-0810, en San Paio á altura da finca Villa Julia.
No encontro, celebrado no pazo provincial e no que tamén participou o equipo redactor, trasladouse que, unha vez conseguido o informe favorable por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, para poder seguir avanzando na redacción do proxecto é necesario que ADIF dea a autorización pertinente para levar a cabo os traballos que afectan á zona da vía do tren.
Mónica Rodríguez quixo trasladar á alcaldesa e ao primeiro tenente de alcalde que «o proxecto avanzou sempre con pasos firmes, desde que coñecemos o visto bo de Patrimonio nunca deixamos de traballar para poder executalo o antes posible, somos conscientes de que é un problema de seguridade gravísimo que arrastramos desde hai moitos anos». «Ao igual que fixemos no seu momento con Patrimonio, pedimos á ADIF que desbloquee este asunto con urxencia, a seguridade ten que ser unha prioridade», afirmou.
Ademais, a deputada quixo reiterar o agradecemento á veciñanza «pola paciencia que tivo e está a ter durante todos estes anos» e salientou que «o proxecto que temos para mellorar a seguridade viaria na zona farase de forma respectuosa co patrimonio pero exercendo a autoridade pública para protexer a vida das persoas que pasan por esta estrada».
Pola súa banda, desde o goberno local agradeceron «a transparencia amosada pola Deputación desde que se iniciou o proceso de redacción do proxecto» e pediron que «se faga todo o que se poida para ter canto antes as autorizacións pertinentes». «Hai que lembrar que xa vamos moi tarde, con isto empezamos hai mais de 20 anos e é unha situación que de ningunha maneira pode alargarse máis, estamos falando de vidas de persoas», incidiron.
Un punto negro viario
O tramo da estrada DP 0810 entre os puntos quilométricos 4+250 e 4+440, na contorna de Vila Julia, presenta un ancho de calzada moi reducido, curvas de radio mínimo, escasa visibilidade e ausencia de espazo peonil, malia tratarse dunha zona con numerosas vivendas e un elevado tráfico de vehículos, incluso pesados.
A Deputación leva anos traballando para executar unha ampliación da estrada e a construción dunha senda peonil, actuación cualificada como «urxente e prioritaria» polo goberno provincial. A tramitación viuse bloqueada nun primeiro momento pola falta do informe de Patrimonio, necesario para avanzar na redacción do proxecto, a tramitación das expropiacións e o inicio das obras, e agora polas autorizacións de ADIF para actuar na zona da vía do tren.
Unha vez se reciba este permiso, a Deputación está comprometida a executar a actuación con máxima dilixencia e co maior respecto aos elementos patrimoniais existentes, dando así resposta a unha demanda histórica da veciñanza deste núcleo de Bergondo.













