O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia emitiu a resolución número 181/2026, pola que anula a adxudicación do contrato do servizo de transporte público colectivo urbano de Ourense á UTE Sagalés-Gavilanes.
A resolución estima parcialmente os recursos presentados por tres licitadoras que optaban á adxudicación e ordena retrotraer o expediente co obxecto de que a Mesa de Contratación do Concello analice en profundidade a posible concorrencia de catro causas de exclusión.
O Tribunal non conclúe que exista causa de exclusión nin se ordena excluír ningunha empresa, senón que se ordena á mesa avaliar catro puntos concretos, que son os seguintes:
• Cumprimento dos requisitos das naves ofertadas: analizar se as naves ofertadas pola adxudicataria e pola segunda e a terceira licitadora cumpren cos requisitos establecidos no prego de condicións do concurso.
• Solvencia técnica: analizar a validez da documentación acreditativa da solvencia técnica presentada pola adxudicataria.
• Declaración responsable: analizar unha inexactitude na declaración responsable presentada pola adxudicataria.
• Estudos económicos: avaliar a corrección dos estudos económicos presentados polas tres primeiras empresas clasificadas.
Cómpre subliñar que tres destas catro posibles causas de exclusión formuláronse por primeira vez a través dos recursos presentados polas empresas ante o TACGal, xa que non foron postas de manifesto durante a tramitación do expediente administrativo (todas agás a relativa aos estudos económicos).
Á vista desta resolución, a Mesa de Contratación volverá reunirse para analizar, previa solicitude das aclaracións ou informes necesarios, se concorren ou non as causas de exclusión alegadas nos recursos.
Por outra banda, cabe destacar que o Tribunal desestima de forma íntegra a alegación dun dos recursos na que se solicitaba a anulación da licitación como consecuencia dos cambios nas liñas do servizo introducidos nos últimos meses, desbotando esta pretensión.













