O PPdeG tacha o novo acordo do PSOE, BNG e Sumar para a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a Galicia como un «pacto de traidores» ao rebaixar o acordo acadado por unanimidade no Parlamento de Galicia. Con este novo texto, «Pedro Sánchez pretende aforrar unha vez máis a costa do peto dos galegos e galegas» e Galicia «quere a transferencia da AP-9, pero sobre a base da vontade expresada na Cámara, non a calquera prezo», sinalan os deputados galegos no Congreso, que esixen «os recursos económicos necesarios» para a súa xestión.
Así o reclamaron hoxe na Comisión de Transportes no Congreso dos Deputados, na que o PP votou en contra do ditame da ponencia sobre a Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á nosa Comunidade. O deputado galego Celso Delgado insistiu en que o texto acordado por PSOE, BNG e Sumar «só evidencia o interese destes grupos en marxinar ao principal partido de Galicia, que goberna na comunidade autónoma e ten maioría no Parlamento de Galicia, sendo tamén a primeira forza no Congreso dos Deputados».
Delgado remarcou en que a solución na AP-9 pasa polo rescate e a transferencia da xestión da autopista, defendendo que se «deben manter todos os compromisos adquiridos», tal e como constaba, reiterou, «no aprobado por unanimidade en Galicia».
Referiuse tamén a que o BNG traizoou o mandato do Parlamento galego coa firma das emendas transaccionais ao articulado, «cunha manobra política e moi desleal». Isto amosa a «hipocrisía» dos nacionalistas e independentistas galegos por «votar dunha maneira en Galicia e doutra en Madrid». «Onde está a coherencia da que tanto presume o BNG?», engade o deputado popular.
RECURSOS ECONÓMICOS
Neste sentido, o PPdeG incide en que a transferencia da AP-9 debe vir acompañada dos recursos económicos necesarios para a súa xestión e manter todos os compromisos adquiridos. Por iso, Celso Delgado demandou unha vez máis que se «respecten os termos esencias aprobados unanimemente polo Parlamento de Galicia», asegurando que a transferencia da AP-9 se realice coas responsabilidades financeiras delimitadas, sen «trampa nin cartón e sen riscos ocultos para Galicia».
A transferencia a Galicia da autopista debe vir acompañada de dous requisitos. Por unha parte, o Goberno de Pedro Sánchez debe seguir financiando os compromisos adquiridos, dotando á Xunta de medios financeiros para ampliar as bonificacións das peaxes nun vial cuxa concesión a Audasa remata en 2048, salvo que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditamine o contrario.
Ademais, a transferencia da AP-9 debe «suprimir» o incremento tarifario do 1% anual que Audasa aplica desde 2019 en concepto de compensación económica polas obras de ampliación da Ponte de Rande e da circunvalación de Santiago, unha actualización que se manterá por un período de 20 anos e que foi acordada na época do expresidente Zapatero. «O texto remitido desde o Parlamento de Galicia instaba ao Estado a amortizar esa subida», di Delgado.
INDICIOS DE INCONSTITUCIONALIDADE
De feito, as emendas propostas á Proposición de Lei Orgánica pretenden crear unha «aparencia de cumprimento da pretensión de Galicia de transferencia no competencial, pero con matices e trampas importantes no económico», afirma Delgado. «O enfoque destas emendas presenta serios indicios de inconstitucionalidade», xa que non se transfire inmediatamente a autopista e as súas competencias, senón que obriga ao Estado e a Galicia a acordar as condicións concretas do traspaso, «o cal é incorrecto», remarca.
DICTAME DA COMISIÓN EUROPEA
Do mesmo xeito, o PPdeG amosa a súa preocupación ante a desaparición neste acordo dunha disposición na que se obrigaba ao Goberno de Sánchez a asumir as obrigas económicas e financeiras en caso de que se declarase a nulidade das prórrogas mediante as cales se acordou a ampliación do período concesional. «Ante o escenario derivado do ditame da Comisión Europea e no que se cuestiona o cumprimento da normativa comunitaria de contratación pública, a supresión desta disposición podería prexudicar enormemente a Galicia», reiteran.
Recordan tamén que a Comisión Europea advertiu, ademais, de que España podería ser levada ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea se non adopta as medidas oportunas. «Trátase dun asunto de enorme transcendencia para Galicia», conclúen.













