O Concello de Ferrol publicou a listaxe provisional de persoas admitidas nos campamentos urbanos e rurais de verán 2026, unha iniciativa destinada a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o período estival.
En total, cubrironse 391 das 440 prazas ofertadas. Para o mes de xullo ocuparanse 251 das 270 prazas convocadas e en agosto participarán 140 menores das 170 prazas convocadas. Das solicitudes presentadas, todas foron admitidas agás unha, que quedou excluída por terse rexistrado fóra do prazo establecido.
Os campamentos desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto. No primeiro caso, as actividades prolongaranse ao longo de 23 días, mentres que no segundo terán unha duración de 21 días.
As propostas levaranse a cabo en diferentes instalacións do municipio. Os campamentos rurais realizaranse na Asociación de Veciños de Esmelle e no CEIP A Laxe, en Valón, mentres que os urbanos terán lugar nos CEIP Ánxela Ruiz Robles e Ponzos.
O servizo prestarase de luns a venres, en horario de 8.30 a 14.30 horas, e está dirixido a menores de entre 3 e 13 anos. Para participar, os nenos e nenas deberán ter cumpridos os tres anos antes do 1 de xullo e non cumprir os 14 antes do 1 de setembro.
A través deste programa, o Concello de Ferrol reforza o seu compromiso co apoio ás familias, ofrecendo un recurso educativo e de lecer durante as vacacións escolares que contribúe á conciliación da vida laboral e familiar.













