A iniciativa nace coa vocación de converter rúas, prazas e espazos públicos en lugares de encontro para desfrutar da cultura en familia durante as noites de verán, cunha programación gratuíta, variada e dirixida a públicos de todas as idades.
Un dos aspectos máis destacados do ciclo é a súa aposta pola descentralización da oferta cultural, xa que catro das sete proxeccións celebraranse no rural, concretamente nas parroquias de Orbazai, Benade, San Xoán do Campo e Nadela, achegando por primeira vez esta actividade a diferentes puntos do municipio.
O concelleiro de Cultura e Educación, Javier Vázquez, destacou que esta nova iniciativa responde ao compromiso do Goberno municipal de facer chegar a cultura a todo o territorio. «Con este novo ciclo achegamos o cinema ao aire libre a distintos puntos do municipio cunha programación variada e pensada para compartir en familia.»
O edil engadiu que «o rural tamén forma parte da vida cultural de Lugo. Por iso quixemos que esta programación tivera unha presenza destacada nas parroquias, para que todos os veciños e veciñas poidan acceder á cultura sen necesidade de desprazarse ao centro da cidade.»
Programación
O ciclo desenvolverase entre os meses de xullo e setembro co seguinte calendario:
Xullo | 22.30 horas
- Sábado 4 – Orbazai: El Casoplón.
- Sábado 18 – Benade: Antes de nós.
- Mércores 29 – Parque da Milagrosa: Wolfgang, Extraordinario
Agosto | 22.00 horas
- Mércores 12 – Parque Rosalía de Castro: Amigos imaxinarios.
- Sábado 15 – San Xoán do Campo: Los tipos malos II.
- Sábado 29 – Nadela: Sorda
Setembro | 22.00 horas
- Xoves 10 – Praza de Santa María: Rondallas.
Todas as sesións serán de acceso gratuíto.














