A Deputación da Coruña financiou distintas obras de mellora na pista multiusos da Asociación de Veciños e Cultural Río Samo de Galegos, no concello de Frades.
Coa subvención de 24.258 euros do ano pasado, a entidade dotou á área recreativa do recinto de mesas e bancos de formigón armado e madeira para reunións e festas, melloras na accesibilidade do recinto, plantación de árbores e outras obras de acondicionamento do entorno; mentres que este ano, a Deputación achegou outros 8.500 euros para dotar á pista dunha nova cuberta que permitirá desenvolver actividades durante todo o ano, con independencia das condicións meteorolóxicas. O espazo poderá acoller así actividades deportivas, culturais e sociais e servirá como lugar de encontro para a veciñanza da parroquia.
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou as instalacións acompañada da directiva da entidade para coñecer a execución destes proxectos e interesarse polas súas necesidades.
Durante a visita, Cristina Capelán destacou a importancia de apoiar o traballo das asociacións de veciños do rural. «Estas entidades manteñen vivas as parroquias, organizan actividades e crean espazos de convivencia dos veciños coma este. Desde a Deputación queremos axudalas a mellorar as súas instalacións e facilitar que poidan continuar desenvolvendo o seu labor», afirmou.













