O Concello de Cedeira xa ten pechado o programa das Festas de
Verán, que se desenvolverán desde o 1 ao 17 de agosto cun amplo programa que inclúe música,
deporte, teatro, actividades infantís e as tradicionais procesións na honra da Patroa, a Virxe do Mar.
O pregón deste ano correrá a cargo da Coral Polifónica Eixil, que estará acompañada da
asociación cultural Buxainas. As dúas agrupacións tradicionais cedeiresas serán as encargadas de
marcar o inicio oficial das festas o martes 11 de agosto ás 20:00 na praza do Concello, aínda que
haberá actividades previas como o xa consolidado Discalz@s polo Festival (1 e 2 e agosto na praza
Floreal), a Semana Infantil (do 3 ao 7 de agosto), a tradicional carreira popular e a XXVIII Travesía a
Nado.
Tras a lectura do pregón, o mesmo día 11 terá lugar o Entroido de Verán, a partir das 22:30 na
praza Roxa, seguido da Festa da Escuma amenizada por Discomóbil CDC.
O mércores 12, dentro do ciclo Jazz de Ría, poderase gozar das actuacións de DJMIL (19:00) e
Xabier Díaz (20:45), as dúas na ermida de Santo Antón do Corveiro. Esta data sinalada incluirá a
observación do eclipse solar desde o espectacular miradoiro no que se sitúa a capela.
Ao día seguinte, o 13, haberá xogos populares a partir das 17:30 no paseo da Mariña e na praia
da Madalena, para dar paso ás 20:00 ao espectáculo de circo-teatro en formato cabaret “A
contratempo”, de Variedades Pistacatro. A xornada rematará cunha verbena que comezarás ás
23:00 na praza da Revolta e na que actuarán a orquestra Olympus e Brunokavi DJ.
O teatro e o circo volverán ser protagonistas o venres 14 coa peza “Nudo”, de Rojo Telón, ás
20:00 na praza do Floreal, e a música de verbena soará desta volta na praza Roxa coas orquestras
Origen e New York a partir das 22:30.
O 15 de agosto é unha data clave do programa, o Día da Patroa. Ás 12:00 celebrarase unha
misa cantada pola coral Eixil, á que seguirá unha procesión acompañada pola Banda de Música
Vila de Cedeira. Esta mesma agrupación ofrecerá un concerto ás 13:30 na praza Roxa. Xa pola
noite, ás 22:30, subirán a este mesmo escenario Fania Blanco Show e a orquestra Marbella e á media
noite celebrarase unha sesión de fogos de artificio tras a que continuará a verbena.
Ao día seguinte, o 16, a procesión da Patroa realizarase por mar, despois da misa que comezará
ás 11:00 e contará co acompañamento da Banda de Música Vila de Cedeira. Pola noite, desde as
21:30, a praza Roxa volverase encher de música con algúns dos artistas galegos máis representativos
do momento. Maneiro, Alana con Lina e Lola e 9Louro farán de Cedeira punto de encontro dos
moitos seguidores e seguidoras destes músicos que, desde os seus diferentes estilos, reivindican o
idioma galego.
O programa festivo rematará o luns 17 de agosto co Día da Xira e a subida ao monte de Santo
Antón de Corveiro para gozar dunha xornada de música, xantar e confraternidade ao aire libre. A
verbena da orquestra Triunfo a partir das 22:30 na praza Roxa despedirá unhas festas pensadas para
todos os gustos e idades que contribúen a facer de Cedeira un referente do verán.
O alcalde, Pablo Moreda, destacou que estas festas, das máis importantes e sentidas de
Cedeira, son días nos que tradición, devoción e convivencia se unen para render homenaxe á
Patroa e para poñer en valor “a fonda vinculación do noso pobo co mar”. O goberno local desexa
que tanto a veciñanza como as persoas que visitan Cedeira durante estas datas “gocen dunhas
festas cheas de participación, alegría e respecto, compartindo xuntos o orgullo de pertencer a
unha vila cunha identidade mariñeira única”.














