A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e a concelleira de Economía, Participación, Servizos á Veciñanza e Benestar Animal, Mar Carballas, mantiveron esta mañá unha reunión de coordinación coa directiva da Sociedade Protectora de Animais para planificar o inicio das obras de reforma e ampliación do albergue de Muxa.
Durante o encontro abordáronse os trámites previos ao comezo da actuación, entre eles a sinatura da acta de inicio das obras, a organización dos traballos e a planificación das actuacións que deberán executarse e certificarse ao longo deste ano, de acordo cos prazos establecidos no convenio aprobado recentemente.
A alcaldesa destacou que este proxecto representa «un exemplo da forma de traballar deste Goberno, baseada no diálogo, no consenso e na colaboración institucional para resolver problemas que levaban anos pendentes».
Candia lembrou que a reforma da Protectora foi unha das iniciativas que o Partido Popular defendeu dende a oposición e que, hoxe, desde o Goberno municipal, consegue converterse nunha realidade grazas ao acordo que impulsou entre as tres administración que financiarán o proxecto.
«O Concello asumiu o liderado dun proxecto que era unha responsabilidade municipal e fixémolo tendendo pontes, sumando apoios e buscando o consenso necesario para facelo posible. Ese é o noso xeito de gobernar: dialogar, colaborar e cumprir os compromisos adquiridos coa cidadanía», afirmou.
«Unha cidade tamén se mide por como coida dos seus animais. Este proxecto define o modelo de cidade que queremos construír e demostra que, cando hai vontade de entendemento entre administracións, os proxectos saen adiante», concluíu Elena Candia.













