A Praza da Insuela vestiuse hoxe de gala para acoller un dos actos máis agardados e emotivos da programación das Festas do Carme: a entrega do premio ao «Camariñán do Ano». Unha edición que pasará á historia local xa que, por primeira vez desde a creación deste recoñecemento por parte da Comisión de Festas, o galardón recaeu nunha muller, pasando a ser con todo o orgullo a «Camariñana do Ano».
A homenaxeada desta edición foi Sefy Carril Rodríguez, unha veciña moi querida e coñecida por todos pola súa inesgotable implicación na vida social, deportiva e cultural da vila, así como polo seu labor como reporteira espontánea, retransmitindo en directo a través do seu teléfono móbil cada evento e actividade que ten lugar no municipio.
Durante o acto, que congregou a numerosos veciños e visitantes na praza, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, dedicoulle unhas sentidas palabras á galardoada, poñendo en valor o seu traballo na sombra e a súa disposición constante para colaborar coa comunidade.
«Hoxe é un día histórico. Por fin, e despois de tantas edicións entregando o premio, hoxe temos o inmenso orgullo de cambiar a vogal e dicir, con todas as letras: Camariñana do Ano. Xa era hora de que o galardón recaese nunha muller», reivindicou a rexedora no seu discurso.
A alcaldesa quixo destacar a figura de Sefy como un alicerce fundamental para o pobo: «É desas persoas marabillosas que, case sen darse conta, pasou a ser absolutamente indispensable no día a día. Cando hai calquera evento e non a vemos, todos empezamos a preguntarnos: ‘Onde estará Sefy? Pasaríalle algo?’. E a resposta é sempre non; se Sefy non está alí é porque está noutro sitio axudando: botando unha man no fútbol, colaborando cunha comisión ou traballando arreo onde faga falta».
Ademais, Sandra Insua agradeceu publicamente o seu papel como difusora do patrimonio e da cultura de Camariñas a través das redes sociais. «Coa túa naturalidade e a túa espontaneidade, estás a facer un traballo impagable: difundir o noso patrimonio e conectar aos que están lonxe coa súa terra. Grazas, Sefy, por facer visible a vida sinxela do noso Camariñas», concluíu a alcaldesa, felicitando tamén á Comisión de Festas do Carme polo enorme acerto na súa designación.
Tras a ovación á nova Camariñana do Ano e a entrega do galardón, a xornada festiva continuou enchendo de cor e tradición o centro da vila. Dende a mesma Praza do Concello, deuse saída á espectacular Mini Danza de Arcos. Os máis pequenos e pequenas do municipio foron os encargados de tomar a testemuña, demostrando que o relevo xeracional das tradicións mariñeiras da vila está máis que garantido.












