O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe o firme compromiso do Executivo autonómico coa vertebración do territorio a través de infraestruturas seguras, cómodas e sostibles. “A sanidade, os servizos sociais, a educación, son fundamentais, pero tamén hai que facer estradas e conservalas, porque ter boas comunicacións é fundamental”, indicou.
Así o manifestou, acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, durante o acto de presentación do primeiro treito da prolongación da autovía AG-59 -que une Santiago e A Estrada-, o cal, tal e como avanzou Rueda, poderá comezar a utilizarse con normalidade mañá mércores.
Esta prolongación de 3,5 quilómetros localízase no municipio de Teo, entre A Ramallosa e o enlace coa estrada autonómica AC-241 en Pontevea, e contou cun investimento por parte da Xunta de 32,3 millóns de euros. Este tramo, ao igual que o conxunto da estrada, poderá utilizarse sen custo algún para os condutores, xa que é libre de peaxes.
En paralelo, Rueda explicou que as obras do segundo e último treito da vía, 4 novos quilómetros entre Pontevea (Teo) e O Rollo (A Estrada), xa se atopan en marcha cun orzamento superior aos 31 millóns de euros. Deste xeito, unha vez completada a totalidade da prolongación, a autovía contará con 14 quilómetros que conectarán Santiago e A Estrada en só 10 minutos. “Cando isto estea rematado, no ano 2028 e tras un investimento de case 70 millóns de euros, quedará listo algo que se leva esperando moito tempo”, indicou.
Unha folla de ruta clara
Esta actuación insírese nunha “folla de ruta ben marcada” e máis ampla coa que o Goberno galego busca que as comunicacións autonómicas sigan sumando quilómetros de calidade e garantindo o correcto mantemento da rede viaria de 5.500 quilómetros.
Así, Rueda destacou tamén outros proxectos en execución ou de inicio inminente neste semestre, como a prolongación da autovía da Costa da Morte e da VAP Tui-A Guarda, o desdobramento dun treito da estrada Brión-Noia para convertelo en autovía e o inicio das obras da futura vía rápida Nadela-Sarria.
Na actualidade, só en vías de altas prestacións, a Xunta ten en marcha actuacións por valor de 170 millóns de euros para proporcionar aos cidadáns vías co selo Galicia Calidade na busca de mellores comunicacións na comunidade autónoma. Con estas actuacións, prevese elevar ata o 85% a porcentaxe de poboación galega que reside a menos de 15 minutos dunha vía de altas prestacións.
Posta en servizo
O treito porase mañá mércores 22 en servizo. En concreto, o sentido Pontevea-Santiago abrirase ás 09,30 horas. No que atinxe ao outro sentido, Santiago-Pontevea, a apertura será ás 12,30 horas, unha vez retirados os elementos de seguridade instalados con motivo do corte de tráfico no enlace dos Verxeles.
Os vehículos que desexen utilizar a ligazón da Ramallosa poderán facelo en todos os sentidos desde as 09,30 horas.













